Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LEVA A PLENO EXTRAORDINARIO UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO PARA A COMPRA DOS TERREOS PEI 17 PARA DESTINALOS A VIVENDA PÚBLICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A sesión celebrarase o vindeiro martes ás 8:30 horas

Sanxenxo, 24 de outubro de 2024.- O Concello de Sanxenxo levará a Pleno unha modificación de crédito extraordinario por importe de 534.514 euros para adquirir os terreos do PEI 17 no que está previsto promover vivendas sociais. Esta proposta faise con cargo á liquidación do remanente de tesouraría de 2023 que ascende a 1,8 millóns de euros.

O ámbito desenvolverase na zona posterior ao templo novo, un lugar céntrico no municipio, e enmárcase dentro dunha zona maior que integra outros dous ámbitos, o coñecido como PEI 16 e o PEI 15. De feito, cando o desenvolvemento de ambos estea executado, permitirá vertebrar toda a zona cun novo viario que comunicará Progreso coa Rúa dos Poetas Galegos, tal e como xa está previsto na PXOM.

Cabe lembrar que o plan especial de ordenación foi aprobado en agosto deste ano e contempla un total de 50 vivendas na parroquia de Padriñán, así como 1.566 m2 de zonas libres verdes públicas, un novo viario de 1.858 m2, 31 prazas de aparcadoiro públicas e 50 árbores. O Concello traballa agora no proxecto de equidistribución e urbanización. Unha vez concluída toda a tramitación, decidirase se será o propio Concello o que promova as vivendas para mozas ou serán asumidas pola Xunta de Galicia.

Desde o Goberno local manifestaron que o obxectivo é sumar esta bolsa de 50 vivendas para mozas ás vivendas de protección oficial que xa existen no municipio, situadas en Baltar e en Progreso. Cabe lembrar que a modificación do SU 27 de Altamira-Vilalonga contempla tamén o desenvolvemento de 325 vivendas colectivas para mozos.

0
0
0
s2sdefault