Sanxenxo, 4 de novembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo porá a disposición da Xunta de Galicia, que está a coordinar a axuda á poboación afectada pola DANA, a través do 112, os recursos de emerxencia municipais que poidan ser útiles nos operativos de rescate e apoio que xa están a traballar nos distintos puntos da traxedia. Así o acordaron os representantes dos concellos do Salnés nunha reunión celebrada esta mañá na sede da Mancomunidade.
O organismo comarcal encargarase de enviar as listaxes dos recursos de emerxencias específicos que cada concello porá a disposición, así como os equipos que a Mancomunidade podería facilitar para o rebo, limpeza e rehabilitación de vías.
Nos últimos días foron moitos os veciños que se están pondo en contacto co Concello de Sanxenxo para tratar de axudar e colaborar con alimentos e roupa mostrando, unha vez máis, a súa gran capacidade solidaria, pero as necesidades nos lugares da traxedia van cambiando e é clave a coordinación para que a axuda sexa efectiva.
Co obxectivo de non provocar problemas de loxística, almacenamento e distribución aconséllase que as persoas que queiran axudar fágano con achegas económicas a través de Cruz Vermella, na conta ES44 0049 0001 5321 1002 2225, por SMS de 6 euros coa palabra axuda ao número 28092 ou Bizum ao 33512; de Cáritas, co concepto Emerxencias DANA Valencia, nas contas habilitadas, ou directamente, coa Generalitat Valenciana na Conta bancaria solidaria (Banco Sabadell): ES94 0081 0693 61 0002423445.
Finalmente, a nivel institucional o Concello pensou que, como se trata dunha catástrofe de longa duración e que a súa recuperación vai levar varios anos, estudará posibles axudas directas ás familias en coordinación cos concellos afectados.