Un total de 20 árbores foron xa trasplantados na parte alta de Baltar onde se realizou unha talla de piñeiros en maio con risco de caída
Sanxenxo, 5 de novembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo iniciou estes días o acondicionamento dos xardíns de Baltar anexos ao skate park. Os traballos comezaron coa retirada dunha vintena de árbores de tres especies diferentes que xa foron transplantados á parte alta da zona onde se realizou o pasado mes de maio unha talla de piñeiros por risco de caída.
Coa intervención preténdese definir unha ordenación que contribúa á integración da zona verde no espazo urbano no que se atopa, entre cuxas características cabe destacar que é lugar de paso da ruta do Pai Sarmiento. Para iso, proponse crear un espazo público versátil que complemente ao equipamento adxacente con sombra para o parque de skate, zona de xogos con chan flexible, así como unha área de estancia e descanso vinculada ao paseo do litoral.
Ademais, preténdese mellorar a seguridade viaria na zona. Para iso estenderase a masa arbórea á zona de aparcadoiro lindeiro coa zona verde, crearase un parterre axardinado e dotarase o espazo con mobiliario para o descanso co nivel de iluminación adecuado.
Este espazo urbano no que se está actuando conta cunha superficie de 2.832 m2 e forma parte dunha bolsa de chan público que alberga a maior concentración de instalacións deportivas municipais, así como de mercado ambulante. O seu bordo está definido polo parque de skate e viarios de tráfico rodado xunto a bandas de aparcadoiro que, no seu conxunto, encerran a zona verde.
A actuación que será financiada a cargo do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través do Plan Nacional de Sustentabilidade Turística en Destinos Xacobeos 2021, no marco do "Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia" (Financiado pola Unión Europea - Next Generation EU"), ten un custo de 47.574 euros.