A actividade e o material son gratuítos, financiados polo Concello. O Pibe's Team Club encárgase de impartir as clases
Sanxenxo, 6 de novembro de 2024.- O pavillón de Vilalonga acolleu onte a primeira clase do curso de boxeo para mulleres. A actividade promovida desde o CIM é totalmente gratuíta, financiada polo Concello, e inclúese tamén o material necesario para a súa práctica. A formación que é impartida polo Pibe's Team Club desbordou as previsións e hai 30 mulleres en listas de espera.
"Faise moito físico, cardio, pero tamén movementos de boxeo. Cando o curso acabe, estas mulleres saberán boxear. Trátase tamén de gozar, desconectar e pasalo ben", explica Sebastián Laterza, do Pibe's Team Club. O grupo é de idades moi variadas e as clases téñense que adaptar aos diferentes niveis físicos durante a hora e vinte que dure a clase.
Desde o CIM escolleron a práctica deste deporte porque, ademais de ser un adestramento moi completo que axuda a aumentar a resistencia física e a mellorar a capacidade aeróbica da persoa, produce grandes beneficios para a saúde mental, xa que é un bo catalizador de enerxía e emocións.
Os seus movementos e golpes, contan, axudan a descargar a tensión acumulada, a tensión e a ansiedade. Ademais, practicar boxeo de maneira regular implica un aumento da autoestima, un incremento da produción de endorfinas que xeran e favorece a autodisciplina.
O Pibe's Team Club foi fundado fai tres anos e xa conta con preto de 100 nenos e mozos, pero tamén adultos inscritos na actividade, mesmo con competidores que xa participaron nalgún campionato a nivel galego. De feito, o Club en colaboración co Concello organizou o pasado ano un campionato galego con preto de 400 deportistas.