Concello de Sanxenxo - A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA RETOMA ESTA TARDE A SÚA ACTIVIDADE CON 224 ALUMNOS E LISTA DE ESPERA EN ADULTOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As obras de mellora no Pazo Emilia Pardo Bazán atrasaron o inicio do curso que comezará en oito aulas e o salón de ensaios

Sanxenxo, 11 de novembro de 2024.- A Escola Municipal de Música de Sanxenxo dará hoxe comezo a este curso con 224 matriculacións e lista de espera en adultos aos que se espera poder dar cabida conforme avancen as clases. Un total de 224 alumnos, desde os 3 anos e ata idade adulta, recibirán formación musical no Pazo de Emilia Pardo Bazán repartidos en 8 aulas e o local de ensaios. As obras da reforma integral que se está acometendo no Pazo obrigou a atrasar o inicio de curso e a habilitar aulas, así como os despachos de Cultura e Educación, para a formación musical.


A escola oferta, do mesmo xeito que en anos anteriores, a formación de Iniciación Musical e Música e Movemento para alumnado de 3 a 6 anos e 15 especialidades instrumentais de oboe, frauta, clarinete, saxofón, fagot, trompa, trompeta, trombón, tuba, bombardino, percusión, violoncelo, contrabaixo, guitarra e piano. A concelleira de Educación, Nati Parada, supervisou esta mañá os equipamentos das clases que esta mesma tarde acollerá ao alumnado da escola. "As obras trastocounos o inicio do curso, pero vai merecer a pena polo resultado e pola mellora que vai supoñer para os usuarios das instalación", dixo.
O equipo docente está formado por 15 profesores e o director, Benjamín Dorado, que se encargan da educación musical do alumnado desde a base ata que son adultos. "Este ano sorprendeunos as inscricións dos adultos. Estamos con lista de espera tentando darlle cabida, pero vai ser complicado", dixo Dorado.


Con concertos en colexios e nas escolas infantís municipais achegan a formación musical aos máis pequenos e espertan neles o interese polos instrumentos e pola música. "Este ano tentaremos facer unha audición en Nadal para as familias, pero para Santa Cecilia xa non nos dá tempo", dixo
Durante este curso, está previsto continuar coas audicións públicas onde as familias poderán ver os avances e prevese realizar tamén algunha actuación no exterior, nunha praza ou espazo aberto do municipio.

0
0
0
s2sdefault