O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, asistirá á entrega dos premios o vindeiro venres 15, nun acto celebrado en Salvaterra do Miño
Sanxenxo, 12 de novembro de 2024.- Sanxenxo participa este ano e, por primeira vez, no programa Vilas en Flor para pór en valor a súa riqueza natural e paisaxística. A Concellaría de Medio Ambiente, dirixida por Yago Torres, presentou unha memoria na que se detallan as 220 zonas verdes municipais, equipamentos, sendeiros, así como espazos de alto valor natural como o complexo intermareal da Ría de Arousa. "Cremos que é importante seguir apostando pola mellora da calidade de vida dos nosos veciños mediante a creación e coidado de novas zonas verdes", asegura Torres.
Non será ata o vindeiro venres, 15 de novembro, cando se faga público con cantas Flores de Honra é distinguido Sanxenxo, dun máximo de cinco. A entrega de premios celebrarase na Casa do Concello de Salvaterra do Miño, ás 12 horas.
Vilas en Flor é un programa que quere mostrar a riqueza natural e paisaxística do territorio mediante o recoñecemento público de todos aqueles proxectos de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos que son un exemplo a seguir. As Flores de Honra son o distintivo que se conceden anualmente aos municipios participantes no programa Vilas en Flor segundo o criterio dun xurado especializado.
Vilas en Flor segue a estela de programas similares xa en funcionamento noutros países como Francia (Villes et Villages Fleuris, que foi creado en 1959 e serviu de modelo ao resto de proxectos que se iniciaron posteriormente), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).
A implantación xorde por iniciativa de Asvinor e Agaexar e está apoiada e coordinada pola Fundación Juana de Vega, dentro do seu marco de traballo para a mellora integral do territorio e a paisaxe. Os 42 municipios participantes están distribuídos en todas as provincias galegas, todos con menos de 40.000 habitantes.