Concello de Sanxenxo - SANXENXO, MOTIVO CENTRAL DO PRIMEIRO CONCURSO INTERNACIONAL DE VIDEOARTE MARIÑO “ONDAS DE GALICIA”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A promotora AEDAS Homes, co apoio do Centro Galego de Arte Contemporánea e o Concello de Sanxenxo, lidera esta iniciativa

Sanxenxo, 21 de novembro de 2024.- Sanxenxo convértese no motivo central do primeiro concurso internacional de videoarte mariño “Ondas de Galicia”. Trátase dunha iniciativa liderada pola promotora AEDAS Homes, co apoio do Centro Galego de Arte Contemporánea e o Concello de Sanxenxo, que propón a realización dun proxecto artístico en formato vídeo inspirado na forte tradición mariñeira que caracteriza a cultura galega.

Segundo a promotora, “Sanxenxo, rico en historia e cultura mariñeira que xurdiu hai 3.000 anos na Lanzada, cunha gran parte do seu territorio protexido polo seu alto valor paisaxístico e ambiental”, reúne todas as características para ser a sede ideal deste certame.

“O mar, tan fundamental en Galicia, está a sufrir os efectos do cambio climático e a contaminación. Ante esta realidade, este concurso busca concienciar, facer reflexionar e dar a coñecer as problemáticas ecolóxicas contemporáneas, ao mesmo tempo que pon en valor a riqueza e a fauna mariña das augas galegas”, explica José María Romojaro, director de Arquitectura de AEDAS Homes e responsable do proxecto ‘ConLasArtes by AEDAS Homes’.

Desde o Concello de Sanxenxo, Elena Torres, concelleira de Cultura e Eventos, destaca que se trata “dunha iniciativa moi interesante que vén poñer en valor a nosa paisaxe, o noso patrimonio e as nosas tradicións a través dunha proposta creativa e artística. Unha combinación perfecta entre cultura e arte que, estou convencida, terá éxito". Engade tamén o seu agradecemento a AEDAS Homes por escoller Sanxenxo para este proxecto e anima a todos os veciños e veciñas a participar no concurso, que repartirá 8.000 euros en premios.

Os interesados en participar en ‘Ondas de Galicia’ deberán cubrir o formulario e enviar a súa proposta antes do 14 de febreiro de 2025 a través da web www.aedashomes.com/ondasdegalicia. O xurado seleccionará dous gañadores, que recibirán unha dotación económica de 5.000 e 3.000 euros, respectivamente, para o primeiro e o segundo premio.

0
0
0
s2sdefault