A concesionaria do ciclo da auga acometerá as pavimentacións en varios puntos onde xa se executaron os traballos
Sanxenxo, 22 de novembro de 2024.- As obras que está a realizar a concesionaria, Espina e Delfín, incluídas no novo contrato da auga e valoradas nun total de 12 millóns de euros, permitiron estender a rede de abastecemento e saneamento nos últimos meses a máis de 200 familias, das 726 nas que se detectou a falta dalgún destes servizos cando saiu a concurso o ciclo da auga no 2023. Nestes momentos, os traballos céntranse en dous puntos que esta mañá visitou o concelleiro de Mantemento e Servizos, Yago Torres: na zona do Igrexario-A Lomba, onde se está a colocar unha nova rede de saneamento e abastecemento valorada en 388.867 euros, e en Rial (Adina), onde se está a instalar unha nova tubaxe de saneamento cun custo de 43.833 euros.
Os traballos avanzan a bo ritmo e, nos próximos días, acometeranse as pavimentacións definitivas en varios puntos onde xa se remataron as obras, como Barreiro (Dorrón), Outeiro (Adina) e Soutullo (Noalla), entre outros. Nas próximas semanas continuaranse as obras en Xuncablanca (43.132 €), a substitución da rede de auga potable en Carlos Casas (5.172 €), a substitución do colector de saneamento en Anevados (22.931 €) e a renovación do colector de abastecemento e saneamento en Rúa Areal, Avenida Areal e Espiñeiro (41.321 €).
As obras que está a realizar Espina e Delfín simultanéanse coas incluídas no convenio asinado a tres bandas entre Sanxenxo, Poio e Acuaes, cifrado en 24 millóns de euros. As actuacións incluídas neste acordo contribuirán á mellora da calidade das augas da Ría de Pontevedra. Esta actuación, que foi declarada de interese xeral do Estado, comprende a ampliación da depuradora de Paxariñas, a construción de novos colectores e estacións de bombeo, e a execución do emisario submarino de Montalvo. Precisamente sobre este último, estase a traballar na conexión en terra da nova tubaxe de 1.300 metros de lonxitude.