A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou as instalacións e puxo a Sanxenxo como “exemplo” no coidado dos maiores.
Sanxenxo, 28 de novembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo celebrou esta mañá o vixésimo aniversario do Centro de Día Municipal "Virxe do Carme" coas familias usuarias. O acto coincidiu coa visita da conselleira de Política Social, Fabiola García, que, acompañada polo alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, así como de varios membros do goberno e da oposición, percorreron as instalacións.
Martín lembrou emocionado como xurdiu a idea de construír un Centro de Día na súa anterior etapa como alcalde. “Persoas que agora, por desgraza, xa non están sempre me lembraron que era necesario coidar dos que nos coidaron. Por iso, síntome especialmente orgulloso de que un dos piares da nosa política social sexan os nosos maiores”, sinalou. O alcalde lembrou que ao longo destas dúas décadas máis de 350 familias se beneficiaron do servizo e que na actualidade hai máis de 80 maiores gozando da atención no Centro de Día. “O único que me doe é ter lista de agarda de aproximadamente 26 persoas, por iso, pídoche, conselleira, que non te esquezas nunca dos maiores de Sanxenxo”, indicou.
Un familiar dunha usuaria do Centro de Día, Juan Alarcón, destacou o papel clave do servizo na conciliación. “Contar cun servizo como este achéganos tranquilidade, felicidade e equilibrio porque sei que a miña nai está ben aquí e que está feliz e contenta”, dixo. “Antes non quería levantarse e agora vén aquí e está ben atendida mentres nós traballamos”, asegurou.
A conselleira Fabiola García pechou o acto poñendo a Sanxenxo “como exemplo” no coidado dos maiores e das políticas sociais. “É un dos municipios de Galicia con maior calidade de vida e iso é froito das políticas de benestar que leva a cabo”, afirmou. “Este Centro de Día permite ás familias conciliar e que os nosos maiores estean ben atendidos e preto da casa”, asegurou. García destacou o papel das traballadoras do centro “nesta casa de 80 persoas”.
O acto rematou con música e baile, pero antes os usuarios máis veteranos do Centro de Día entregaron á conselleira, ao alcalde e á concelleira unhas manualidades feitas por eles mesmos.