Concello de Sanxenxo - O CONCELLO CONTINÚA, MÁIS ALÁ DO 25N, COA SÚA PROGRAMACIÓN PARA PREVIR A VIOLENCIA DE XÉNERO E FOMENTAR A IGUALDADE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 

Sanxenxo, 30 de novembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo continúa coa súa programación enmarcada dentro do “25N. 365 días” impulsada polas concellarías de Educación e Servizos Sociais. A Sala Nauta acolleu onte a formación para familias: Falemos da Educación Afectivo Sexual, na que participaron 30 persoas. Esta actividade está subvencionada pola Deputación de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero no 2024. Con esta charla búscase potenciar a comunicación nas familias sobre a educación afectivo sexual e proporcionar respostas e ferramentas básicas para unha educación sexual saudable.

 

Por outra banda, o Concello xa dispón dos resultados do cuestionario sobre igualdade e violencia de xénero realizado ao alumnado de 3º da ESO nos institutos de Sanxenxo e Vilalonga, e no colexio Abrente. Este resultado, que axudará na planificación das actividades programadas para loitar contra a violencia de xénero en idades temperás e fomentar a igualdade, será presentado aos directores, orientadores e ANPAS dos tres centros educativos. A concelleira de Educación, Nati Parada, explica que “é preciso que a información chegue a todos os que estamos implicados dunha maneira ou doutra na formación da mocidade”.

 

O cuestionario forma parte dun proxecto baseado en tres piares de actuación: sensibilizar, detectar e reparar. O resultado desta enquisa permitirá coñecer a situación e a percepción dos adolescentes sobre estes dous temas a través dun cuestionario de 30 preguntas.

 

Nos últimos anos, o Concello de Sanxenxo está a traballar cos centros educativos do municipio mediante diferentes propostas dirixidas á adolescencia que chamen a súa atención. O obxectivo é falar a mesma linguaxe para difundir a igualdade entre sexos, previr a violencia de xénero desde idades temperás e traballar a educación afectivo sexual.

0
0
0
s2sdefault