Concello de Sanxenxo - SANXENXO ABRE AO TRÁFICO RODADO O PASO INFERIOR DA RÚA MADRID E HABILITA PARA PEÓNS A GRAN PRAZA SUPERIOR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde xunto aos concelleiros, María Deza e Yago Torres, percorreron esta mañá o paso subterráneo antes da súa apertura.

Sanxenxo, 5 de decembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo abriu esta mañá ao tráfico rodado o paso inferior da Rúa Madrid, co que se conclúe a primeira fase do proxecto do novo mercado, e habilitou para peóns a gran praza superior mentres non se execute o edificio. O alcalde, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, e do edil de Mantemento e Servizos, Yago Torres, percorreron o paso subterráneo minutos antes da súa apertura. “Vaise abrir o primeiro paso inferior de Sanxenxo. Un tramo de 70 metros aproximadamente que vai dar servizo ao futuro mercado e que dotará dunha maior calidade urbana toda esta zona comercial”, asegurou.

Martín pediu desculpas aos veciños e comerciantes polas molestias ocasionadas durante o tempo que durou a obra. “Creo que o resultado vai merecer a pena, pero sei que o pasaron mal durante este ano e pico de obras”, apuntou. “Esta zona está chamada a ser un dos núcleos comerciais estratéxicos de Sanxenxo onde viven máis veciños durante todo o ano e precisaba unha revitalización”, dixo. O novo edificio do mercado está previsto que se licite ao longo de 2025 para que sexa unha realidade a finais de 2026 e incluirá o revestimento exterior do paso e a urbanización da praza. “Será sen dúbida un centro gastronómico de referencia e un polo de atracción turística e económica para o municipio”, asegurou.

En canto ao tráfico, ao paso inferior, habilitado para saír do municipio, poderase acceder desde a Rúa Progreso pola Rúa Constitución, agás vehículos cunha altura superior a 3,3 metros. A Rúa Panadeira só estará habilitada para acceso a garaxes e para servizos. “Estamos en pleno centro urbano e non ten sentido meter tráfico pesado por esta zona, independentemente de que haxa ou non haxa paso inferior”, sinalou Martín.

Un vehículo da Policía Local foi o primeiro en cruzar o paso inferior ao que seguiu un camión do servizo de Emerxencias para comprobar o gálibo e, a continuación, outros turismos.

Esta obra contou cunha achega da Xunta de Galicia dun millón de euros e do Concello de algo máis de 1,3 millóns.

0
0
0
s2sdefault