A reforma opta a unha axuda de 900.000 euros do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra
Sanxenxo, 4 de decembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo proxecta unha rehabilitación integral do edificio multiusos de Portonovo valorada en 1,2 millóns de euros. O edificio, que foi construído en 1989, conta con 903 metros cadrados e presenta importantes deficiencias de accesibilidade e illamento. A súa localización, no pleno centro da vila, e o bo estado da estrutura, así como as súas posibilidades de uso, fai que o goberno local se propoña melloralo e recuperalo como sede de Servizos Sociais e para diversos usos sociais e educativos. A ambiciosa reforma opta a unha axuda de 900.000 euros do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra.
A redistribución das plantas, así como a incorporación de escaleira e ascensor ata a planta semisoto, permitirá utilizala como acceso principal do edificio. Nesa mesma planta situarase o control e recepción de usuarios, taboleiro de anuncios e estrutura funcional do edificio e dos servizos sociais do concello, deixando un espazo amplo, flexible e multiusos onde se poderán realizar actos pequenos, exposicións, presentacións tanto do concello como das distintas asociacións.
Nunha media planta pola rúa lateral, accederase de forma totalmente accesible grazas ao dobre embarque do ascensor a 180º, a un pequeno espazo multiusos da planta primeira destinado a eventos públicos ou privados independentes do resto do edificio e acondicionado tanto acústica como termicamente. Unha grada retráctil, un espazo de almacenamento e un pequeno escenario permitirán organizar calquera acto, obras de teatro, clases de baile, ioga ou pilates. Nesta planta habilitarase tamén unha sala multiusos con pequena cociña para impartir cursos.
Na seguinte planta habilitarase de forma integral o departamento de Servizos Sociais, onde se disporán 7 despachos para traballadoras sociais, psicólogas, o CIM, así como un posto de control e información, zona de espera reservada a usuarios e unha sala de reunións para os traballadores.
A planta segunda albergará aulas de educación para maiores e o despacho de profesores. Ademais, habilitarase unha aula técnica con servizos informáticos e audiovisuais para impartir cursos. Finalmente, na planta baixo cuberta, á que chegarán tanto as escaleiras como o ascensor, manterase o uso como sala de estudos para aproximadamente 20 usuarios, priorizando a iluminación e o confort acústico.