O salón de plenos acolleu este mediodía a 26ª Mesa Local de Violencia de Xénero, na que se fixo balance da situación no municipio.
Sanxenxo, 10 de decembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo aprobou esta mañá o primeiro protocolo de actuación para a derivación a aloxamentos locais de vítimas de violencia de xénero en casos excepcionais e de urxencia. Este gasto será asumido polo Concello para garantir a protección necesaria da vítima en situacións puntuais. O texto, elaborado pola Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Paz Lago, foi aprobado por unanimidade durante a 26ª Mesa Local de Violencia de Xénero, celebrada no salón de plenos e presidida polo alcalde, Telmo Martín.
Na mesa participaron unha ampla representación das administracións, forzas de seguridade e organismos implicados na loita contra a violencia de xénero, como a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez; a xuíza decana de Cambados, Luz María Fernández de Landa; os concelleiros de Servizos Sociais e Seguridade Cidadá, Paz Lago e Xoán Pérez; a enfermeira do PAC de Baltar, Catuxa Lagaron, así como representantes da Policía Local, Garda Civil, Equipo de Muller e Menor (EMUME), Viogén e do CIM de Sanxenxo.
O alcalde destacou a importancia da participación dos membros da mesa como "clave para avanzar na loita contra a violencia de xénero e reducir os casos". Sobre o protocolo, asegurou que "é fundamental que estea respaldado tanto pola Policía Local como pola Garda Civil para garantir unha protección integral e un seguimento adecuado da vítima por parte do CIM".
María José Rodríguez, da Subdelegación do Goberno, puxo en valor o protocolo aprobado, sinalando que é "un exemplo a seguir por outros municipios". Na provincia de Pontevedra hai actualmente uns 1.800 casos activos, dos cales o 2% corresponden a Sanxenxo.
A concelleira Paz Lago informou que, no que vai de ano, rexistráronse 49 novas altas no CIM, das cales 47 corresponden a veciñas de Sanxenxo, un incremento de 28 casos respecto á última mesa celebrada en abril. A estas cifras súmanse os casos activos de anos anteriores, que ascenden a 165 mulleres.
En canto ás atencións no CIM, realizáronse 140 consultas xurídicas, 185 consultas psicolóxicas e 145 específicas de violencia de xénero, ademais da atención a 11 menores.
Entre os obxectivos, o Concello traballa en programas educativos para previr condutas machistas, actividades innovadoras como o boxeo ou talleres de sensibilización en colaboración con asociacións de mulleres. Ademais, está previsto un programa de autocuidado emocional para coidadores que fomente a corresponsabilidade no fogar.