Concello de Sanxenxo - O POLI PACO CHEGA AO CONGRESO DOS DEPUTADOS COMO AXENTE TITOR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A marioneta creada polo policía local Abelardo Martínez é un recurso didáctico e un eixo de conexión con Mairena del Aljarafe.

Sanxenxo, 11 de decembro de 2024.- A coñecida marioneta do Poli Paco creada polo axente local de Sanxenxo, Abelardo Martínez, protagoniza un dos capítulos do manual publicado pola Asociación Nacional de Axentes Titores, no que se relatan experiencias e se recollen artigos relacionados coas funcións e tarefas dos axentes titores dos municipios españois. O exemplar, titulado “O traballo invisible dos axentes titores e titoras”, foi presentado esta semana nun acto no Congreso dos Deputados presidido por Francina Armegol, ao que tamén asistiu o axente Abelardo Martínez co “Poli Paco”.

O manual inclúe no apartado de Educación e Seguridade Viaria un capítulo titulado “Educación Viaria co Poli Paco”, elaborado polo axente titor da Policía Local de Mairena del Aljarafe, Eduardo Barrero Camacho, onde se explica a conexión con Sanxenxo a través da marioneta como recurso didáctico para ensinar educación viaria nos colexios. No artigo descríbese a metodoloxía para lograr a aprendizaxe e unha participación activa destinada ao alumnado de terceiro de Educación Infantil (5 anos) e primeiro ciclo de Primaria.

Este recoñecemento chega apenas dous meses despois de que o axente local Abelardo Martínez recibise a medalla de ouro en Educación Viaria no marco do maior congreso internacional sobre mobilidade sostible, celebrado en Madrid, o Global Mobility Call. Martínez leva desde 2008 impartindo formación en seguridade viaria en Sanxenxo e mesmo fóra do municipio, pero foi en 2012 cando creou o guiñol do Poli Paco, ao que seguiron Ero o Bombeiro, o Avó Nicolás e a Poli Lola. Esta idea, que xurdiu como unha forma de achegarse ao alumnado, marcou unha tendencia a nivel nacional en materia de seguridade viaria. O seu modelo fíxolle merecedor de diversos premios como a medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria ou o recoñecemento Cidadán Ponlle Freo.

0
0
0
s2sdefault