A actuación, que se licitará proximamente por case 1,2 millóns de euros, terá un prazo de execución de 9 meses
Sanxenxo, 26 de decembro de 2024.- O Pazo de Quintáns acolleu esta mañá a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Sanxenxo e a Deputación de Pontevedra para a mellora da seguridade e mobilidade peonil no vial que vai da igrexa de Noalla ao antigo cuartel. A actuación, que se licitará proximamente por case 1,2 millóns de euros, terá un prazo de execución de 9 meses. Á sinatura do acordo asistiron, ademais das autoridades, representantes dos distintos colectivos da parroquia, como mostra do interese suscitado pola actuación.
O proxecto contempla, ao longo de case un quilómetro de actuación, unha senda no marxe dereito de 2,5 metros de ancho e no marxe esquerdo, debido á presenza de vivendas próximas ao vial, optouse por unha solución adaptada aos distintos tramos para mellorar a seguridade peonil. O vial manterá o dobre sentido como ata o de agora e reubicaranse as paradas de autobús nas zonas onde se proxectan pasos sobreelevados con puntos de luz.
A actuación inclúe tamén a canalización dos subministros de electricidade, pluviais e telecomunicacións, así como a renovación da iluminación pública. A mellora do espazo incluirá áreas de lecer con zonas verdes con 11 árbores, 10 papeleiras, xardineiras e 10 bancos con respaldo.
Tras a sinatura do convenio, o alcalde, Telmo Martín, agradeceu ás nove familias de Noalla a cesión de terreo “para que a actuación reúna as mellores condicións posibles” e destacou que se materialice este acordo “ante unha ampla representación veciñal e no día do patrón de Noalla, San Estevo”. Na mesma liña, lembrou que “comprometémonos a facer esta actuación e proximamente licitarase para facer un vial máis seguro para os veciños”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis López, destacou a cesión dos terreos veciñais para “facer que todo fose máis rápido e que se poida presentar este proxecto onde a prioridade é a seguridade peonil”.