O balance recolle a visita de 11.615 viaxeiros con estadía hoteleira no municipio durante o undécimo mes do ano.
Sanxenxo, 23 de decembro de 2024.- Sanxenxo segue consolidando o seu crecemento constante na tempada baixa, e así o avalan os datos do último balance do Instituto Nacional de Estatística (INE). O municipio rexistrou o pasado mes de novembro 26.020 pernoctacións hoteleiras, a maior cifra da serie histórica. En 2023 contabilizáronse 22.105 pernoctacións; en 2022, 20.198; en 2021, 22.180 e en 2019, ano turístico récord en Sanxenxo, rexistráronse 22.184 pernoctacións.
Estes datos constatan novamente o crecemento do municipio na tempada baixa cunhas cifras que, cómpre lembrar, corresponden exclusivamente ás pernoctacións hoteleiras, é dicir, tan só a unha parte do total das prazas de aloxamento turístico. En concreto, das 9.415 prazas hoteleiras, xa que Sanxenxo conta ademais con 54.833 segundas residencias, 13.365 prazas en vivendas de uso turístico, 4.773 prazas en cámpings e 2.767 en apartamentos turísticos.
En canto ao número de establecementos hoteleiros abertos, o INE contabiliza 15, con aproximadamente 800 habitacións dispoñibles e preto de 1.600 prazas. Tamén se calcula o persoal empregado, que no mes de novembro ascendeu a 350 persoas.
Os datos de pernoctacións e viaxeiros coinciden cos rexistros do aparcadoiro público de Nauta, un bo indicador da actividade turística no municipio. Novembro foi un mes récord en facturación desde a súa apertura, con 24.032 euros, e rexistrou unha rotación de 8.036 vehículos.
As instalacións do aparcadoiro de Nauta Sanxenxo, situado na entrada do porto deportivo, dispoñen dun total de 584 prazas para vehículos, distribuídas en tres espazos diferenciados: 206 na planta pública interior, 178 no aparcadoiro privado do mesmo recinto e outras 200 no aparcadoiro en superficie, na Praza do Mar.
Lembramos que os veciños con vehículos censados no municipio dispoñen de dúas horas gratuítas ao día no aparcadoiro. Para gozar desta vantaxe, é preciso darse de alta nas oficinas do aparcadoiro de Nauta acreditando que o vehículo está censado en Sanxenxo. Actualmente, xa son case 4.000 veciños os que se beneficiaron desta medida, cuxo obxectivo é facilitar a realización de xestións e compras no municipio aos residentes que non viven no centro.