O Concello gravou un vídeo para explicar a transcendencia que ten esta actuación para o desenvolvemento sostible de Sanxenxo
Sanxenxo, 27 de decembro de 2024.- Nos últimos anos, o Concello realizou numerosos proxectos e actuacións para mellorar a calidade de vida dos veciños e o atractivo turístico de Sanxenxo. Pero ningún destes proxectos ten a importancia e a transcendencia da “Modernización da rede de saneamento e depuración” que se está a realizar con fondos de Europa (Acuaes) e da concesionaria do servizo da auga (Espina e Delfín).
Unhas obras que cumpren agora o seu primeiro ano e que non concluirán ata o 2026. É o caso da mellora da depuradora de Paxariñas que, cando rematen os traballos, duplicará a súa capacidade actual para dar servizo a 107.000 habitantes e disporá de 4 fases de tratamento: pretratamento, tamizado, biolóxico e raios ultravioleta. Non obstante, outras actuacións, como o novo emisario submarino ou as obras de ampliación da rede de saneamento e auga no rural, fóronse poñendo en funcionamento segundo remataban os traballos.
As actuacións realizadas por Acuaes e a concesionaria suman a cifra de 36 M€. Nin un só deses euros sairá do peto dos veciños de Sanxenxo. A xestión realizada conseguiu captar 12 M€ dos fondos europeos e os 24 M€ restantes proceden do canon que a concesionaria aboa anualmente ao Concello e as melloras que debe realizar para ampliar a rede de saneamento e auga das sete parroquias do rural.
O goberno realizou un vídeo cun dobre obxectivo: por unha banda, explicar do xeito máis sinxelo posible unhas obras tecnicamente complexas e, por outra, destacar a importancia e a transcendencia que este proxecto terá para as futuras xeracións. Como di o alcalde no vídeo: “Sanxenxo sempre viviu das súas dúas rías, estas melloras que non se ven, porque quedan enterradas, son a mellor garantía de futuro”.