A iniciativa enmárcase dentro do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais
Sanxenxo, 27 de decembro de 2024.- O Concello entregou esta mañá, a través do Seaga, cinco desbrozadoras e material de corte ás asociacións veciñais de Vilalonga e Dorrón. O alcalde, Telmo Martín, acompañado da xerente do Seaga, Luisa Piñeiro, do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, e do concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, fixo entrega aos representantes dos colectivos na Praza Pública de Vilalonga do material de traballo valorado en case 6.000 euros. A iniciativa enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e o Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, ao que está adherido o Concello de Sanxenxo.
A través do convenio, o Concello pode solicitar ao Seaga execucións subsidiarias de ata un máximo de 10 hectáreas por anualidade que se realizarán unha vez finalizada a tramitación das 4.500 notificacións remitidas aos propietarios para a limpeza das súas fincas próximas a núcleos urbanos e de poboación. Ademais, o Concello xa se beneficiou este verán de actuacións de xestión de biomasa, é dicir, limpezas en 10 quilómetros de vías de titularidade municipal.
O alcalde, Telmo Martín, destacou a importancia deste convenio subscrito coa Fegamp como medida de protección e prevención forestal. “Hoxe entregamos este material ás asociacións de Vilalonga e Dorrón como parte implicada neste proceso de prevención”, asegurou. “Sanxenxo é praia, pero tamén é espazo verde e hai que coidalo”, dixo. Pola súa banda, Luisa Piñeiro destacou a “colaboración exemplar do Concello de Sanxenxo e o interese amosado polos veciños nesta prevención de incendios e coidado do medio natural”.