Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTARÁ CUN PUNTO DE INFORMACIÓN E ASESORAMENTO DE ACCEM PARA INMIGRANTES RESIDENTES NO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O servizo enmárcase dentro da colaboración dos dous últimos anos entre o Concello e a ONG pola acollida de refuxiados

Sanxenxo, 31 de decembro de 2024.- Sanxenxo contará cun punto de información e asesoramento de Accem para inmigrantes residentes no municipio a través do programa Gadea. Un novo servizo que se insire dentro da colaboración e coordinación entre o Concello de Sanxenxo e a ONG para a acollida de refuxiados no municipio nos dous últimos anos.

Dentro deste traballo conxunto, a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, solicitou ao responsable territorial de Accem en Galicia, Daniel Bóveda, un punto de información para migrantes co obxectivo de facilitar o acceso ao asesoramento e evitar os desprazamentos a Vigo, onde se atopan as oficinas.

Este servizo ofrecerase a través do programa Gadea, financiado pola Xunta de Galicia a través do IRPF social, baseado no asesoramento técnico especializado no ámbito xurídico-social, e contará cos seguintes servizos:

• Atención técnica especializada en materia de estranxeiría e nacionalidade, así como orientación xeral noutras ramas do dereito.

• Está dirixido a persoas migrantes que, independentemente da súa situación administrativa, se atopen en situación de vulnerabilidade.

• Ofrecerase orientación sobre formas de regularización, solicitude de autorizacións iniciais, arraigos e renovacións de residencia, presentación de trámites a través da Plataforma Mercurio e información sobre a obtención da nacionalidade española.

O Concello facilitará un local para que Accem poida prestar servizo no municipio.

0
0
0
s2sdefault