Concello de Sanxenxo - AS PREVISIÓNS DE CHOIVA OBRIGAN AO CONCELLO A CONTAR CUN PLAN ALTERNATIVO PARA RECIBIR OS REIS MAGOS EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

En caso de mal tempo, a recepción real realizarase no pavillón de Nantes

Sanxenxo, 2 de xaneiro de 2025.- As previsións de choiva para este domingo obrigaron á Concellería de Cultura, dirixida por Elena Torres, a activar un plan alternativo para a chegada dos Reis Magos a Sanxenxo o próximo domingo, 5 de xaneiro.

Se non chove, está previsto que as súas maxestades cheguen en barco ao porto de Sanxenxo ás 16:30 horas, onde ofrecerán unha recepción ata as 18:30 horas e, a continuación, partirán cara a Portonovo. Tres carrozas acompañadas de beduínos e do Tren Mago, que levará a bordo a nenos e nenas do municipio, formarán o séquito real. Na curva de Portonovo haberá un Belén Vivente organizado polo colectivo Lembranzas, unha antiga tradición que se recupera este ano. Melchor, Gaspar e Baltasar entregarán ao Neno Xesús ouro, mirra e incenso. Pola mañá, a partir das 11:00 horas, o Tren Mago percorrerá as parroquias levando a bordo aos maiores do municipio e anunciando a chegada das Súas Maxestades pola tarde.

En caso de mal tempo, o Tren Mago recollerá a Melchor, Gaspar e Baltasar no Pazo de Emilia Pardo Bazán e trasladaraos ao pavillón de Nantes para unha recepción real. Os nenos e nenas poderán visitalos desde as 16:30 ata as 18:30 horas. Non faltarán os caramelos, máis de 600 quilos, nin tampouco a música e o chocolate con churros, convertendo as instalacións nunha gran festa. O Belén Vivente trasladarase neste caso ao pavillón, que será decorado para a ocasión.

A partir das 12:30 horas, e se o tempo o permite, como xa é tradición, a Asociación Cultural Soalleira de Dorrón interpretará a súa Danza de Reis en distintas prazas de Sanxenxo, como Pascual Veiga, Rosa dos Ventos e a Praza dos Barcos. En caso de choiva, a actuación adiarase para o final da Recepción Real, ás 18:30 horas.

Para o 6 de xaneiro está previsto o Concerto de Reis a cargo da Banda de Música de Sanxenxo, a partir das 19:30 horas, no Auditorio de Emilia Pardo Bazán. A actuación terá un fin solidario, polo que os asistentes deberán acudir cun quilo de alimento non perecedoiro que se doará ao Banco de Alimentos.

0
0
0
s2sdefault