Concello de Sanxenxo - O LOCAL DE ENSAIO PARA MÚSICOS CUMPRE UN ANO NO PRIORATO DE ARRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O grupo local Los Mortales, Os Gatiños de Portonovo e un músico solista son usuarios habituais das instalacións.

Sanxenxo, 15 de xaneiro de 2025.- A finais de novembro de 2023 o Concello de Sanxenxo daba resposta a unha demanda histórica dos músicos locais sumando como equipamento municipal un novo local de ensaio no Priorato de Arra. Unha instalación pensada para fomentar a creación musical que conta cun piano dixital, amplificadores de guitarra e baixo, batería e asento, así como caixas de inxección, mesa de son de 16 canles, sistema de gravación, 2 caixas de son con soportes, microfonía e auriculares, rack de madeira de 19” e micrófonos de ambiente. Ademais, para o illamento acústico, instaláronse trampas de graves, paneis de absorción planos, paneis de absorción con forma piramidal, estores na parte baixa da xanela que eviten o rebote de son nos cristais e instalouse moqueta.

 

Ao longo de algo máis dun ano pasaron polas instalacións municipais distintos grupos e músicos, sendo agora usuarios habituais o grupo local Los Mortales, Os Gatiños de Portonovo e o músico solista local Daniel González Penas. O horario de uso da sala é de 9 a 14 horas e de 16 a 23 horas. A solicitude de espazo deberá realizarse por rexistro de Terra de Sanxenxo cunha pequena memoria de actividade e unha biografía do grupo ou solista, datos persoais para contacto e unha póliza de seguro de responsabilidade civil.

 

O obxectivo é ofrecer formación e exhibicións das creacións dos grupos aos usuarios desta sala, así como reforzar as sinerxías, non só entre os usuarios da sala, senón tamén con proxectos similares e eventos musicais locais. Para o uso da sala terán prioridade os grupos locais ou que polo menos o 50% dos integrantes estean empadroados en Sanxenxo.

 

Cabe lembrar que o investimento nas instalacións superou os 22.000 euros e que contou cunha subvención de 8.000 euros da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

0
0
0
s2sdefault