Concello de Sanxenxo - O ALUMNADO DO COLEXIO CRUCEIRO PLANTA 21 ÁRBORES NO PATIO E ENTERRA UNHA CÁPSULA DO TEMPO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Ligustros, mimosas, cipreses, camelias, carballos e xacarandás, entre outras especies, foron doadas por O Areeiro e o Concello de Sanxenxo

Sanxenxo, 16 de xaneiro de 2025.- Ligustros, mimosas, cipreses, camelias, carballos, xacarandás, entre outras especies, lucirán nos próximos meses en todo o seu esplendor no patio do colexio Cruceiro. O alumnado do centro, acompañado de profesores e coa axuda do persoal municipal de Parques e Xardíns, plantou 21 árbores doados pola Estación Fitopatolóxica de O Areeiro e o Concello de Sanxenxo a petición do colexio.

Nun acto no que participaron os 206 alumnos e alumnas dos diferentes cursos, así como os concelleiros de Educación, Nati Parada, e de Medio Ambiente, Yago Torres. Durante as próximas semanas, cada grupo traballará coa especie da árbore que plantaron no patio, estudando as súas características, orixe e coidados, converténdose nun recurso educativo máis na aula. A ficha será colgada en cada árbore para identificar as distintas especies.

Ademais, aproveitouse o acto da plantación para enterrar no patio a cápsula do tempo creada polos participantes na ludoteca organizada pola Anpa O Cruceiro a través da empresa Nordelaina durante as vacacións de Nadal. A concelleira de Educación, Nati Parada, encargada de custodiar a cápsula, levouna esta mañá ao centro despois de introducir todos os elementos nun bote de cristal selado para a súa perfecta conservación ata que se volva abrir. E é que a cápsula deberá permanecer baixo terra durante vinte anos no patio do colexio. Para evitar a rotura do cristal, forrouse o exterior cunha maceta e introduciuse nunha bolsa plástica.

0
0
0
s2sdefault