A tempada alta sumou 532.687 viaxeiros, pero cada ano pesa máis a tempada baixa con 246.359 persoas que pernoctaron no municipio.
Sanxenxo, 19 de xaneiro de 2025.- Por segundo ano consecutivo, Sanxenxo dispón do estudo "Big Data" sobre a actividade turística encargado pola Mancomunidade do Salnés, que analiza o posicionamento dos teléfonos móbiles. Este estudo permite detectar os viaxeiros que pernoctan en Sanxenxo en calquera tipo de hospedaxe, ofrecendo así unha visión completa da actividade turística nos 4 tipos de aloxamento que, ordenados por capacidade, son:
- 10.806 segundas residencias, con capacidade para 54.030 viaxeiros.
- 2.783 vivendas de uso turístico, con capacidade para 14.365 persoas.
- 245 establecementos (128 hoteis, 54 apartamentos turísticos, 57 pensións e 6 casas rurais) con capacidade para 12.182 viaxeiros.
- 12 cámpings, con capacidade para 10.121 persoas.
Sanxenxo asistiu a FITUR como un referente turístico do norte de España, con 779.046 viaxeiros en 2024, un crecemento do 2,7% respecto a 2023 (758.508), que xa fora o mellor ano ata entón. A tempada alta, entre xuño e setembro, rexistrou 532.687 viaxeiros, o 68% do total. Durante a tempada baixa, de outubro a maio, visitaron Sanxenxo 246.359 viaxeiros, un 32% do total.
A evolución da actividade turística dende inicios deste século (cando ningún hotel abría entre outubro e Semana Santa e a maioría só o facía en xullo e agosto) reflicte dúas conclusións:
- O crecemento da tempada baixa, que antes apenas existía e agora representa o 32% da actividade.
- A maioría dos establecementos abren, como mínimo, os catro meses de verán.
Segundo Telmo Martín:
"Queda camiño por percorrer, pero o cambio produciuse. Fai falla que os restaurantes aposten máis pola tempada baixa, como no seu momento fixeron os hoteis, que agora enchen as fins de semana durante meses."