Concello de Sanxenxo - O PARQUE EMPRESARIAL ROZA A METADE DA SÚA OCUPACIÓN 6 ANOS DESPOIS DA SÚA APERTURA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

96 das 242 parcelas coas que conta o parque xa teñen actividade ou están en fase de tramitación.

Sanxenxo, 17 de xaneiro de 2025.- O ano 2024 foi positivo para o parque empresarial de Nantes, que seguiu medrando coa apertura de novas instalacións. As 96 parcelas que xa teñen actividade económica ou están en tramitación representan o 40% do total do parque empresarial. Entre estas inclúense as parcelas de propiedade municipal, onde xa se está construíndo a nave de servizos, á que se engadirá, posteriormente, a sede da policía local e o servizo de emerxencias.

Nos últimos 12 meses, empresas como Aldi (alimentación), Jysk (mobles), Kiwoko (animais de compañía) ou Espina e Delfín, concesionaria do servizo de auga e saneamento, entre outras menos coñecidas polo público, tramitaron ou construíron as súas instalacións.

O parque empresarial de Nantes conta cunha ampla variedade de actividades. Destaca o sector da alimentación con máis de 33.000 m² de establecementos de venda directa ao público e ao sector hostaleiro, como Mercadona (9.671 m²), Mercacash (6.000 m²) e Xesnova (10.827 m²). Outros sectores presentes inclúen maquinaria (8.431 m²), carpintería de madeira e metálica (4.312 m²), gasolineira, ximnasio, tanatorio e lavanderías industriais, entre outros.

Cumpríronse 6 anos dende a apertura do parque empresarial de Nantes. Desde entón, o crecemento foi sostido e as previsións fóronse cumprindo. O impacto nas cifras de emprego en Sanxenxo é notable nos últimos anos. O municipio nunca conseguira baixar a taxa de paro nos meses de inverno, cando hai menos actividade turística, do 8%, algo que agora se debe, en parte, á actividade económica xerada polo parque empresarial de Nantes.

 
0
0
0
s2sdefault