Sanxenxo, 24 de xaneiro de 2025.- O concelleiro de Deportes, Xuventude e Voluntariado, Marcos Guisasola, mantivo unha reunión en Santiago coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, para expor a posibilidade de crear un punto de activación do Carné Xove na Casa Mariñeira de Don Fernando. Trátase dunha maneira de achegar a administración e facilitar o trámite administrativo nun espazo aberto á mocidade e, ao mesmo tempo, que coñezan os servizos que se ofrecen desde o departamento de Xuventude.
Guisasola tamén presentou a programación de actividades realizadas ao longo do ano en Sanxenxo como obradoiros, saídas, cursos e proxectos desde a área de Xuventude, así como a posibilidade da celebración dun evento gaming no municipio. O concelleiro ofreceuse tamén a que Sanxenxo sexa sede do próximo Congreso de Xuventude celebrado en Galicia.
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude explicou os distintos programas e axudas postos en marcha desde a súa área aos que podería acollerse Sanxenxo, así como plans formativos para o voluntariado, programas interxeracionais e de emprego.