Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO INCREMENTA UN 40% O ORZAMENTO PARA AXUDAS A CLUBS DEPORTIVOS EN 2025
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, convocou aos representantes dos clubs para abordar as bases das subvencións.

Sanxenxo, 24 de xaneiro de 2025.- O Concello de Sanxenxo incrementará este ano un 40% as axudas a clubs deportivos, alcanzando os 100.000 euros e reafirmando o compromiso coas distintas disciplinas deportivas do municipio.

O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, convocou aos clubs no salón de plenos para expoñerlles os plans e os investimentos previstos para este ano, así como os cambios na convocatoria de subvencións.

A partir de agora valorarase o número exacto de licenzas federativas por deportista e non por tramos, como o ano pasado. En canto ás categorías, establécense axudas de 3.500 euros para o ámbito nacional, 1.000 euros para o autonómico e 500 euros para o provincial. En calquera caso, o máximo da axuda será de 12.000 euros e, como máximo, o 80% do orzamento. Os deportistas individuais deben quedar, como mínimo, de 3º nunha proba galega para optar ás axudas. O Concello prevé publicar as bases no mes de febreiro, unha vez se aprobe o orzamento, e abonar as axudas ao longo do verán.

En canto aos investimentos, tras a construción do novo campo de fútbol de Dorrón, inaugurado en 2024, o Concello prevé renovar o céspede artificial e o sistema de rego dos campos de fútbol municipais de Noalla e Baltar cun investimento de preto de 678.737 euros. No caso do campo de Noalla tamén se realizará unha mellora na iluminación e na remodelación das bancadas, a través dunha subvención da Deputación, por un valor de case 108.000 euros.

Ademais, está previsto o cambio a iluminación LED nos campos de O Revel e Baltar, así como a construción de baños e duchas no campo de Baltar de abaixo e o cambio das portas necesarias.

Guisasola tamén comunicou durante o encontro a intención do goberno de realizar un convenio con dous clubs, o Portonovo e o Vilalonga, para o cambio de iluminación a LED, valorado en 100.000 euros. A intención é lograr o 50% do financiamento doutra administración.

0
0
0
s2sdefault