Concello de Sanxenxo - NAUTA DÁ LUZ VERDE AO PROXECTO DE REFORMA DO ACCESO AO PORTO PESQUEIRO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación prevista terá un custo de 190.750 euros e un prazo de execución de mes e medio.

Sanxenxo, 28 de xaneiro de 2025.– O Consello de Nauta deu luz verde ao proxecto de reforma do acceso ao porto pesqueiro de Sanxenxo, moi deteriorado polo paso do tráfico pesado. A actuación prevista terá un custo estimado de 190.000 euros e será financiada con cargo aos fondos propios da sociedade municipal Nauta Sanxenxo. O prazo de execución será de mes e medio.

A intervención proxectada, que busca mellorar o tránsito peonil e a durabilidade do acceso, comprende as seguintes obras:

  • Retirada do pavimento existente desde a rotonda de acceso ao porto ata a entrada do espazo destinado á pesca marítima.
  • Disposición dun novo firme de formigón, con anchos variables entre 6 metros e 5,75 metros.
  • Colocación de bolardos móbiles e fixos ao longo do trazado.
  • Instalación dun sistema de control con bolardos telescópicos, semáforos e lector de tarxetas e matrículas.

O acceso á zona portuaria estará garantido durante as obras a través dun itinerario alternativo polo vial do espigón que rodea o porto. As obras licitaranse pola vía de urxencia para que poidan estar rematadas antes de Semana Santa.

Durante o Consello de Nauta tamén se aprobou a actualización dos prezos do aparcadoiro público segundo o IPC e a conxelación do resto das taxas en amarres e alugueiros. Lémbrase que o aparcadoiro dispón de dúas horas gratuítas diarias para os veciños de Sanxenxo. Para beneficiarse desta vantaxe, é necesario darse de alta nas oficinas do aparcadoiro de Nauta acreditando que o vehículo está censado en Sanxenxo, unha medida da que xa se benefician case 4.000 veciños.

0
0
0
s2sdefault