Concello de Sanxenxo - A OBRA DO NOVO ESPAZO MULTIFUNCIONAL NO PAZO DE QUINTÁNS PREVÉSE QUE ESTE FINALIZADA ESTA PRIMAVERA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación inclúese dentro da segunda fase de rehabilitación do espazo declarado BIC en 2017.

Sanxenxo, 31 de xaneiro de 2025.- O alcalde, Telmo Martín, visitou esta semana as obras da segunda fase de rehabilitación do Pazo de Quintáns, na que a principal actuación é a construción dun espazo multifuncional que permitirá albergar pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade aproximada de 128 persoas sentadas e 222 de pé. Actualmente, os traballos céntranse no propio edificio, avanzando na carpintaría e na estrutura en pedra exterior. Prevese que esta fase da obra estea rematada na primavera.

O deseño, baseado no uso de pedra, madeira e vidro, garante unha conexión visual permanente entre a nova edificación polivalente e o conxunto do Pazo de Quintáns, incluído o edificio nobre. Esta semana iniciáronse os traballos de carpintaría, mentres que nos últimos meses avanzouse nas conexións e na estrutura. A nova edificación, complementaria ao edificio nobre e ao conxunto do pazo, situarase practicamente adosada ao muro perimetral que pecha o patio de labranza.

Ademais, habilitarase un aparcadoiro na finca oeste anexa, con 27 prazas, dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Paralelamente, pavimentarase con adoquíns o acceso, que contará con iluminación, prazas delimitadas e a motorización do portalón anexo ao hórreo para o peche do conxunto do pazo. Nas zonas non aproveitables debido á xeometría do espazo destinado a aparcadoiro, crearase unha xardinera con vexetación arbustiva de baixo porte.

Entre as actuacións destacadas desta segunda fase tamén se inclúe a recuperación do antigo hórreo, así como a restauración total dos muros perimetrais e interiores. Ademais, prevese a adecuación dos ‘parladoiros’ do pazo cunha nova iluminación e a creación de itinerarios peonís mediante a instalación de lousas de granito tipo silvestre sobre cama de area.

0
0
0
s2sdefault