Concello de Sanxenxo - SEIS ALUMNOS DO FP DUAL DE HOSTALARÍA E RESTAURACIÓN REALIZAN PRÁCTICAS EN TRES HOTEIS E UN RESTAURANTE DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O período de formación comezou en xaneiro e concluirá o próximo mes de xuño nos hoteis Augusta, Carlos I, Gran Talaso Sanxenxo e no restaurante Mardivino.

Sanxenxo, 31 de xaneiro de 2025.- Seis alumnos da segunda promoción do FP Dual de Hostalaría e Restauración comezaron este mes as súas prácticas no Hotel Carlos I, Hotel Augusta, Gran Talaso Hotel Sanxenxo e no restaurante Mardivino. Tras rematar a súa formación no IES Vilalonga e no Hotel Sixto, os estudantes teñen agora a oportunidade de seguir aprendendo nun entorno laboral durante os próximos cinco meses, un período superior ao da anterior promoción.

“A resposta das empresas locais está sendo excepcional. É fundamental que se impliquen na formación destes rapaces para que a experiencia conclúa con éxito, pero tamén o apoio das familias é clave”, explica Rubén Otero, profesor do ciclo.

O obxectivo principal é que o alumnado se incorpore de inmediato ao mercado laboral ou que continúe a súa formación cun ciclo superior se desexa ampliar os seus estudos. “A inserción laboral da primeira promoción foi do 90% e creo que nesta ocasión será similar. Trátase dun ciclo plenamente asentado e moi necesario nesta comarca”, apunta Otero.

O ciclo impártese en dous espazos: a parte teórica e común no IES de Vilalonga e a parte práctica, durante este curso, no Hotel Sixto. O Concello, consciente da importancia desta formación, colabora financiando o alugueiro do hotel, o traslado en autobús e a limpeza durante o período de formación.

O FP Dual de Hostalaría e Restauración trasladarase ao colexio O Cruceiro en canto se execute a remodelación integral do edificio principal. Está previsto que as obras comecen proximamente, cunha reforma que será acometida pola empresa adxudicataria por 2,8 millóns de euros. O Concello conta cunha axuda de 1,9 millóns do Programa de Impulso para a Rehabilitación de Edificios de Titularidade Pública (Pirep), que se completará con fondos propios para cubrir o orzamento total da obra. O prazo de execución é de 14 meses.

0
0
0
s2sdefault