O edificio do novo mercado de Sanxenxo, un plan de humanización e conexión entre Raxó, A Granxa e Areas, e unha plataforma Smart City
Sanxenxo, 27 de febreiro de 2025.- Co obxectivo de promover un desenvolvemento urbano sostible e de compartir estratexias territoriais, Sanxenxo e Poio concorrerán mañá cun Plan de Actuación Integrado "Sanxenxo e Poio Sostibles 2039: Unha ría de oportunidades" a unha axuda europea de 8.110.475 euros. Os tres proxectos incluídos no plan son o mercado de abastos de Sanxenxo (6.065.164 €), un plan de mobilidade e conexión entre Raxó, A Granxa de Abaixo e Areas (777.546 €) e dúas plataformas Smart City/Praias, unha para Poio (767.764 €) e outra para Sanxenxo (500.000 €). Do total, o 60% sería sufragado con fondos Feder e o 40% con fondos propios.
Construción da nova Praza de Abastos de Sanxenxo
Trátase dunha actuación integral e de rexeneración de espazos públicos na que, ademais do mercado, se pretende albergar máis servizos públicos no edificio, como unha biblioteca municipal, unha sala polivalente e un espazo gastronómico parcialmente ao aire libre. Ao integrar unha maior oferta cultural e de servizos, como a biblioteca municipal, a sala polivalente e a terraza con espazo gastronómico, a nova praza de abastos atraerá visitantes e residentes durante todo o ano, non só na tempada alta.
Plan de humanización, mobilidade e conexión entre Raxó, A Granxa de Abaixo e Areas
Os obxectivos do Plan de humanización, mobilidade e conexión entre Raxó, A Granxa de Abaixo e Areas veñen marcados pola necesidade de mobilidade e accesibilidade ao núcleo de A Granxa, e a conexión co Concello de Poio na súa beira marítima, no núcleo de Raxó, favorecidos pola apertura dun vial no solo urbanizable SU 8 de Sanxenxo, que linda na súa cara sur con A Granxa, e que conecta directamente coa estrada provincial PO-308. Ao mesmo tempo, esta posible vía de continuidade co vial do solo urbanizable permitiría a conexión de ata seis praias contiguas de ambos concellos. Esta actuación supón tamén unha posta en valor do turismo e do patrimonio histórico e cultural. Trátase de aproveitar a ocasión para favorecer a mobilidade do núcleo, da praia e da beira, o que parece unha actuación idónea para este enclave, hoxe en precario. Ao mesmo tempo, preséntase a posibilidade dunha accesibilidade universal a puntos hoxe case inaccesibles.
Plan Smart City, Smart Praias e Smart Sport
Preséntase como unha oportunidade para optimizar o tráfico e a mobilidade, aliviando a conxestión e mellorando a conectividade interna e entre municipios, ao mesmo tempo que se impulsa o sector turístico, potenciando a visibilidade dos seus atractivos naturais e culturais. Ademais, tamén permitirá fomentar o deporte como ferramenta para promover a cohesión social e mellorar a calidade de vida dos habitantes. Por parte do Concello de Poio, contémplase a implantación dunha plataforma de Smart City, con tres eixos principais: tráfico, turismo e deportes. O Concello de Sanxenxo dará continuidade con este plan ás actuacións xa incluídas no proxecto Red.es de turismo intelixente.