A actuación, que está en exposición pública, está valorada en 105.640 euros e conta cun prazo de execución de tres meses
Sanxenxo, 26 de febreiro de 2025.- O Concello de Sanxenxo solicitou a Costas o encauzamento do regato de A Carabuxeira na praia e a colocación de dous pasos elevados para mellorar o acceso ao areal. A actuación, que xa está en exposición pública, está valorada en 105.640 euros e pretende evitar as variacións no leito do río provocadas polos efectos dos temporais de inverno. O prazo de execución estimado é de tres meses.
O proxecto propón o encauzamento do Regato de A Carabuxeira ao seu paso pola praia nunha lonxitude total de 40 metros. A actuación consiste na colocación de perpiaños de 1,70 metros de altura en módulos dun metro de longo. Prevese a instalación de dous pasos elevados: un desde a praciña de A Carabuxeira e outro na zona de escaleiras situada no extremo oeste da praia. Os pasos realizaranse con plástico reciclado imitación madeira para mellorar as condicións de mantemento das estruturas en ambientes hostís.
Na zona de acceso á praia prevese unha repavimentación cunha capa de formigón. Ademais, colocarase unha varanda na praciña de A Carabuxeira para evitar caídas a distinto nivel, limparase a zona con hidrolimpiadora e repararase un pequeno tramo de muro mediante colocación de pedra e encintado para evitar erosións.
Revisión da rede de saneamento
O Concello solicitou á concesionaria Espina e Delfín a supervisión da rede de saneamento preto das praias de A Carabuxeira e Nanín, tras detectar alteracións en algunhas das analíticas realizadas en ambos areais por posibles filtracións de colectores. Cabe lembrar que nos últimos anos realizáronse distintas actuacións que melloraron ostensiblemente a calidade das augas, aínda que seguen producíndose episodios puntuais de contaminación.