Sanxenxo, 28 de febreiro de 2025.- O Concello estreará unha nova programación cultural “Sanxenxo no Foco” no Auditorio Emilia Pardo Bazán. O obxectivo é ofrecer unha proposta enriquecedora e accesible para todos os públicos, a través de eventos artísticos de calidade que inclúan música, teatro, danza, cine e actividades educativas. “Buscamos ofrecer un contido diferente e achegar distintos tipos de propostas culturais a Sanxenxo”, apunta Elena Torres, que presentou o programa esta mañá no remodelado salón de actos do Auditorio.
A programación darase a coñecer trimestralmente e arrancará o próximo domingo 16 de marzo, ás 17:30 horas, coa obra musical infantil e familiar “Os Tres Porquiños”, incluída dentro do Circuito + Escénicas da Deputación de Pontevedra. “Os tres porquiños” é un espectáculo teatral para os máis pequenos e pequenas con marionetas, teatro, xogos tradicionais e música en directo. Unha proposta coidada e visual baseada nun dos contos tradicionais máis coñecidos da literatura infantil.
O 29 de marzo, ás 17:30 horas, o Mago Paco toma a remuda coa súa obra musical e infantil. O mago Paco encarna a figura de presentador do prestixioso programa “Xoga e Maxia”, onde, a través de probas, os participantes competirán para levar para as súas casas algún agasallo. Realidade ou ficción? Un concurso único, con premios imposibles onde non existen gañadores nin gañadoras, senón participantes que non saberán a que proba terán que enfrontarse para intentar conseguir un premio.
O 13 de abril, Sonsgalia ofrecerá un concerto ás 18:00 horas con versións de música celta, bandas sonoras, pop, rock e jazz. Sutileza nos arranxos, virtuosismo na interpretación e unha estética coidada son os seus sinais de identidade.
O actor Xosé Touriñán presentará en Sanxenxo o seu monólogo “Aquí tou!!” o 25 de abril, ás 21:00 horas. Touriñán fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Momentos clave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que conta e representa partes da súa historia.