Concello de Sanxenxo - UNHA SENDA LITORAL PÚBLICA COMUNICARÁ A FRONTE COSTEIRA DE DORRÓN ENTRE AS PRAIAS DE AGRA E PAMPAÍDO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello incluíu esta actuación no convenio do solo urbanizable 8 como unha das obrigas para o seu desenvolvemento.

Sanxenxo, 28 de febreiro de 2025.- Unha senda litoral pública comunicará a fronte costeira de Dorrón desde a praia de Agra ata a de Pampaído. A actuación inclúese dentro do convenio asinado entre o Concello de Sanxenxo e a Xunta de Compensación do SU-8 como unha das obrigas que debe asumir a entidade urbanística para o desenvolvemento e execución do solo, con custo cero para as arcas municipais. O Pleno extraordinario deu luz verde o pasado venres a este plan especial de infraestruturas cos votos a favor do PP e as abstencións do PSOE e BNG.

Obxectivos:

• Recuperar un ámbito degradado con custo cero para as arcas públicas.
• Crear unha ruta paisaxística pública para o goce de veciños e visitantes.
• Mellorar a vexetación existente, substituíndo unha parte da arboreda por especies autóctonas.

A actuación inclúe 3 sendas peonís accesibles de 2,2 metros de ancho e unha superficie total de 40.130 m², nas que se tivo en conta a orografía para minimizar os movementos de terra e os impactos paisaxísticos. A primeira senda parte desde o viario de acceso á depuradora de moluscos en Pampaído e discorre en paralelo á liña de costa en dirección sur suroeste. A segunda discorre desde o viario principal do SU-8, tamén en paralelo á liña de costa e en dirección sur suroeste, e a terceira conecta as dúas primeiras sendas (facilitamos imaxe aérea das sendas).

As sendas inclúen a instalación dunha serie de balizas colocadas ao longo do seu percorrido para dotalas de iluminación, buscando a súa funcionalidade á vez que unha baixa contaminación lumínica.

A renaturalización do terreo contempla a eliminación de especies existentes de pouco valor e que supoñen un perigo para a biodiversidade, polo que se propón substituílas por arboredo autóctono. A repoboación de “substitución” debe facerse progresivamente para favorecer a acumulación de sedimentos vexetais beneficiosos. O plan de acción debe comezar por un estudo detallado das especies existentes merecedoras de conservación, como carballos, sobreiras, salgueiros, ameneiros, loureiros, acivros, figueiras e outras especies autóctonas que adoitan atoparse en estado silvestre mesturadas con especies de maior porte e capacidade invasiva.

En definitiva, a actuación supón un paso máis no obxectivo de recuperar este tramo litoral de Sanxenxo e súmase ao proxecto co que, xunto a Poio, se concorre a fondos europeos co PAI.

0
0
0
s2sdefault