O Concello de Sanxenxo colabora coa actividade que se inclúe no proxecto da Fegamp "Que a vergoña cambie de bando"
Sanxenxo, 8 de maio de 2025.- Un total de 18 alumnos e alumnas do IES Sanxenxo, de 3º e 4º da ESO, participaron esta mañá no obradoiro Canto machismo teño?, unha actividade incluída no proxecto da Fegamp "Que a vergoña cambie de bando" e coa que colabora o Concello a través da Concellería de Educación e o CIM.
A actividade consistiu nunha enquisa anónima na que se aborda o machismo desde diferentes perspectivas, un traballo grupal para reflexionar sobre os estereotipos e a visualización dun vídeo onde se analizan os micromachismos comentados por personaxes públicos.
Ao obradoiro, que estivo dirixido pola directora do CIM de Sanxenxo, Diana Názara, asistiron a concelleira de Educación Nati Parad e a secretaria da Fegamp, Patricia Vilán. Os resultados tanto da enquisa como do traballo en grupo foron comentados cos participantes, convidándoos á reflexión e a compartir os seus puntos de vista.
Cabe recordar que a finais do ano pasado, o Concello, a través do departamento de Educación, en colaboración co IES Vilalonga, o IES Sanxenxo e o colexio Abrente, realizou un cuestionario sobre igualdade e violencia de xénero ao alumnado de 3º da ESO.
Un proxecto baseado en tres piares de actuación: Sensibilizar, detectar e reparar. O resultado deste cuestionario axuda na planificación das actividades programadas desde o Concello na loita contra a violencia de xénero en idades temperás e no fomento da igualdade.
Nos últimos anos, o Concello de Sanxenxo está traballando cos centros educativos do municipio con diferentes propostas dirixidas a adolescentes que atraian a súa atención e que, en definitiva, falen a mesma linguaxe para difundir a igualdade entre sexos, previr a violencia de xénero desde idades temperás e traballar a educación afectivo-sexual.