Concello de Sanxenxo - O PASEO DE SILGAR ACOLLE A EXPOSICIÓN DE AZULEXOS DO GRUPO LAR “MORRIÑA” DEDICADA ÁS MULLERES DA EMIGRACIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O crítico de arte, Antón Castro, e o pintor Antón Sobral, asistiron esta mañá á inauguración da mostra ao aire libre

Sanxenxo, 17 de maio de 2025.- O alcalde, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Cultura, Elena Torres, e da xerente do Grupo Lar, Tatiana Rodríguez, inauguraron esta mañá a exposición ao aire libre de azulexos con nove bustos de muller, baixo o título “Morriña”, dedicada ás mulleres da emigración no Paseo de Silgar. Tamén asistiron á apertura oficial da mostra o crítico de arte, Antón Castro, e o pintor Antón Sobral, que destacaron a importancia da ubicación ao aire libre e da proposta artística.

Tatiana Rodríguez, impulsora deste concurso e xerente de Suministros Lar, destacou que esta décima edición é “a nosa homenaxe a quen coidou e sostivo en momentos duros á sociedade galega”. Nove murais coa forma dun rostro silueteado de muller, para representar nove oficios que estas valentes mulleres galegas desempeñaron cando os seus maridos se viron obrigados a emigrar: “Palilleira”, “Ceramista”, “Tecedeira”, “Conserveira”, “Peixeira”, “Mariscadora”, “Costureira”, “Redeira” e “Labrega”.

O alcalde, Telmo Martín, incidiu en que cada “edición desta exposición é un belisco ao corazón e esta tamén o é”. “Unha iniciativa que ademais da calidade artística ten unha vertente social e educativa moi interesante”, engadiu.

Pola súa banda, Antón Castro indicou que “o proxecto é moi interesante porque hai unha fusión entre a concepción artística, o deseño e a industria e entronca coa educación en forma de proxecto”. Sobral lembrou a figura de Isaac Díaz Pardo, como dinamizador da cultura ao aire libre. “É moi importante que a arte estea ao carón da xente, aquí no paseo co mar ao lado ten un efecto terapéutico”, dixo.

0
0
0
s2sdefault