Concello de Sanxenxo - MARTÍN E REGUERA VISITAN A RENOVACIÓN DO VALADO EN A LANZADA E A MELLORA DO ACCESO Á PRAIA ESPIÑEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Ambas actuacións teñen un custo de 36.170 euros que serán financiados cunha axuda autonómica de Red Natura

Sanxenxo, 22 de maio de 2025.- Mellorar e protexer os contornos naturais e, en especial, aqueles de gran valor paisaxístico como A Lanzada. Ese é o obxectivo da actuación que esta mañá visitaron o alcalde, Telmo Martín; o delegado territorial de Pontevedra, Agustín Reguera, e o concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza. Cunha axuda autonómica de Red Natura “Mellora accesos e protección do litoral de Sanxenxo” e fondos municipais, renováronse tres tramos do valado en A Lanzada no acceso á ermida ao longo de 295 metros lineais e mellorouse o acceso á praia Espiñeira cun tratamento da superficie da rampla cunha capa de zahorra con ligante natural. Dúas actuacións que tiveron un custo de 36.170 euros.

O alcalde agradeceu á Xunta a axuda “que serve para seguir posicionando a Sanxenxo como un referente no coidado da súa paisaxe e das súas praias”. Destacou “o marabilloso contorno no que se fixo esta actuación como é A Lanzada”.

Pola súa banda, Reguera incidiu en que “Sanxenxo opta a estas axudas porque fai moitas cousas e ben, polo que normalmente sempre que hai este tipo de convocatorias os seus proxectos resultan gañadores destas subvencións”.

Estas actuacións súmanse á realizada na praia de Areas coa renovación de 150 metros da pasarela e á limpeza que o Concello realiza nas marxes do río Pintillón na parte da súa desembocadura. Tamén se executou a ampliación da pasarela e mellorouse o acceso e a iluminación na praia da Panadeira. Ademais, reacondicionáronse os baños en Bascuas, Caneliñas, Paxariñas, Major e A Lanzada que presentaban problemas de oxidación. Tamén se fixeron melloras na accesibilidade das entradas aos módulos de salvamento.

0
0
0
s2sdefault