Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ACHEGA AO COLEXIO CRUCEIRO O SISTEMA DE DEPURACIÓN DA AUGA E CONCIENCIA SOBRE O SEU AFORRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade está enmarcada na semana de conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente

Sanxenxo, 3 de xuño de 2025.- O Concello de Sanxenxo continúa coa programación prevista para a conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, que terá lugar o 5 de xuño. A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Yago Torres, en colaboración coa de Educación, de Nati Parada, iniciou hoxe unha campaña de concienciación entre o alumnado do municipio sobre a importancia de coidar o planeta.

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º do colexio Cruceiro realizou esta mañá un obradoiro sobre o ciclo da auga e o funcionamento dunha depuradora. A técnica de Medio Ambiente, Mela Méndez, explicou ao alumnado a importancia do aforro e da depuración da auga mediante unha presentación dinámica na que os escolares participaron activamente. Durante a actividade, expuxéronlles os distintos tipos de tratamento e por que é importante depurar. Tamén lles ofreceu claves para aforrar auga como pechar as billas, utilizar electrodomésticos ecoeficientes ou reutilizar a auga sempre que sexa posible.

A programación continuará nos vindeiros días. Mañá o alumnado do colexio Magaláns realizará unha andaina con recollida de lixo pola Ruta do Río Pintillón, mentres que o alumnado do CEIP A Florida fará o propio en Os Carballos de Aldariz.

O xoves 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, tres colexios (O Telleiro e Portonovo) participarán na actividade “Coidemos as nosas dunas”, centrada na limpeza de plantas invasoras nas praias de Areas Gordas, A Lapa, Canelas e Baltar. Esta iniciativa contará coa colaboración do Colectivo Ecoloxista do Salnés. Ás 20.00 h, o salón de plenos do Concello de Sanxenxo acollerá a presentación do libro “Rumbo a la salud ambiental planetaria y a un mundo nuevo” do escritor, científico e académico Francisco Peña.

Para pechar a semana de actividades escolares, o venres 6 de xuño levarase a cabo unha plantación de árbores no colexio de Nantes.
Como broche final á programación, o sábado 7 de xuño, a Praza do Pazo acollerá, de 11:00 a 14:00 h, a I Feira do Medio Ambiente de Sanxenxo. O evento contará con stands informativos e de sensibilización sobre diversas temáticas ambientais, así como coa exposición "Cultura oceánica", cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

Durante a feira desenvolveranse obradoiros prácticos, entre os que destacan o uso de plantas aromáticas e medicinais, a elaboración de sacos aromáticos, o estampado de bolsas con motivos vexetais e actividades de reciclaxe creativa como a confección de hélices de papel, picapeces ou plantas con papel de xornal.

A iniciativa do Concello de Sanxenxo alíñase co tema central do Día Mundial do Medio Ambiente 2025: “Poñer fin á contaminación por plásticos”, un obxectivo especialmente relevante para un municipio costeiro e turístico que depende en grande medida da calidade dos seus espazos naturais e praias.

0
0
0
s2sdefault