Sanxenxo, 2 de xuño de 2025.- O Concello de Sanxenxo recibiu un total de catro ofertas para executar o proxecto de “Humanización do Acceso á Praza de Travesía Areal en Portonovo”. As empresas interesadas no proxecto son: Construcciones Castro Figueiro, Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela, Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa e Narom.
A actuación, subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, está valorada en 166.604 euros e conta cun prazo de execución de catro meses.
O obxectivo é recuperar este espazo para o goce da cidadanía, conectándoo peonilmente cos espazos públicos próximos como o mercado, rúas e xardíns colindantes. Trátase de xerar un espazo de relación social tanto na rúa como nas prazas e zonas verdes do seu contorno, fomentando a vida cidadá nun ámbito urbano máis amable e sostible ambientalmente.
Eliminarase a escaleira de acceso desde a rúa polo lado sur e dotarase de rampla que permita salvar esa diferenza de cota, mellorando a accesibilidade ao espazo. O acceso desde o mercado realizarase en dous tramos a diferente cota resoltos cunha xardineira intermedia. Substituiranse os actuais bancos de formigón por bancos de pedra e cambiaranse os elementos de iluminación por outros máis eficientes e de menor consumo enerxético.
Proxéctase tamén a renovación da rede de saneamento existente e a ocultación das arquetas e colectores pluviais vistos, incluíndo todos os elementos necesarios para o seu correcto funcionamento. Inclúese a mellora do aspecto e acabado dos pavimentos, así como a reparación de elementos deteriorados, en liña coa estética do exterior do mercado.
A superficie total da actuación é de 706,40 metros cadrados.