Concello de Sanxenxo - UN PROXECTO DO IES SANXENXO CREA UN QR E TRADUCE EN TRES LINGUAS AS CARTAS DE CINCO LOCAIS DE HOSTALARÍA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un traballo impulsado desde o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro educativo e que implicou ao alumnado da ESO.

Sanxenxo, 20 de xuño de 2025.– Conscientes da importancia e do peso turístico do municipio, o IES Sanxenxo decidiu este curso poñer en marcha, desde o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro educativo, o “Proxecto GIF Menú: Que vai ser?”. Un traballo que implicou a todo o alumnado da ESO e que consistiu na tradución dos menús ou cartas de cinco establecementos hostaleiros do municipio ao galego, inglés e francés. Unha vez realizada a conversión lingüística, pasaron cada carta a un código QR que entregaron esta última semana de clase aos locais participantes: El Aviador, A Batea, Casa Zulema, Taberna A Queimada e Mar Lima II.

Trátase dun proxecto interdisciplinar que busca fomentar o uso do galego. Nel colaboraron outras materias como Tecnoloxía, coa elaboración do logotipo, os menús e os códigos QR; Bioloxía achegou as táboas nutricionais; Física e Química, a partir dun libro interactivo h5p, redactou curiosidades científico-culinarias relacionadas con pratos concretos (os “Gato datos”); Xeografía e Historia encargouse de analizar a riqueza gastronómica e vinícola da zona do Salnés e Pontevedra, centrada no sector primario; e Matemáticas elaborou gráficos porcentuais que contabilizaron distintas variables tendo en conta as características dos establecementos.

Por outra banda, convocouse un concurso de fotografía artística con alimentos, no que se incluía un pé de foto en galego cun título creativo. O restaurante El Aviador apoiou o proxecto agasallando á gañadora cun xantar para dúas persoas.

“A riqueza da gastronomía galega debe ir da man da riqueza lingüística, como acontece noutras culturas. Por exemplo, ao escoitar as palabras gazpacho, cebiche, pizza, sushi..., coñecidas por todos, apreciamos automaticamente o poder da súa sonoridade ligada a unha cultura, a un bo facer culinario. O mesmo acontece con: Polbo á feira, xoubas, robaliza, luras da ría, costela ou pementos de Padrón”, indican desde o IES Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault