Concello de Sanxenxo - A LANZADA NA HISTORIA ATRAE A VECIÑOS E VISITANTES AO ENTORNO DA ERMITA E A TORRE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Máis de medio cento de postos de comida e artesanía conforman o mercado medieval da cita nesta primeira edición

Sanxenxo, 21 de xuño de 2025.- A Lanzada na Historia convértese esta fin de semana nunha escusa máis para visitar o entorno da ermida e a torre. Máis de medio cento de postos de comida, artesanía e complementos xunto cunha ampla programación durante toda a xornada atraen desde onte a veciños e visitantes para gozar da primeira edición da cita.

A concelleira de Educación, Nati Parada, veciña de Noalla, convidada pola Comisión de Festas da Lanzada, foi a encargada onte de dar o pregón no que fixo un repaso por momentos históricos destacados ocorridos no enclave, así como polas lendas como a das Nove Ondas que envolven o lugar. “Poucos lugares poden recoller desde unha idade glaciar, non esquezamos que aquí atopáronse restos de pingüíns, pasando polos fenicios, normandos, viquingos, árabes (dádevos conta de que aquí viviron mouros, por iso existe o lugar de Mourelos), romanos, a nobreza e a igrexa na Idade Media… Todo mesturado con ese halo máxico que dan os lugares tan especiais coma este”, destacou. O broche á primeira xornada púxoo a actuación de Os Firrás e o reparto de queimada e bolos preñados.

A proposta cultural impulsada pola Concellería de Cultura e Eventos, dirixida por Elena Torres, en colaboración coa Comisión de Festas, continuará hoxe co mercado medieval e tiro con arco, a música de Arroba de Viño, xogos populares como tira-soga, carreira de sacos e de carretas. Ás 18:00 horas, Loita Medieval, e ás 21:30 horas, concerto de A Banda do Sequío. Ás 23:30 horas realizarase unha representación do rito das Nove Ondas. Durante todo o día haberá xogos populares. Mañá domingo continuará a actividade co mercado medieval.

0
0
0
s2sdefault