A ampliación de prazas permitiu dar resposta á demanda de todas as familias que solicitaron o servizo e cumpren os requisitos
Sanxenxo, 25 de xuño de 2025.- Sanxenxo Concilia comezará o vindeiro 1 de xullo con 145 usuarios nos colexios de A Florida e O Telleiro. En total, o plan, xestionado pola Concellería de Educación, dirixida por Nati Parada, dará servizo a 543 nenos e nenas durante as catro quincenas dos meses de xullo e agosto. A ampliación de prazas permitiu dar resposta á demanda de todas as familias que solicitaron o servizo e que cumpren os requisitos, tal e como xa anunciara o goberno. Tamén se ampliará o horario, de 8.00 a 15.30 horas, e disporase de servizo de fiambrera. Estas melloras non repercutirán no prezo, que se mantén nas tarifas do pasado ano (41 euros a quincena e 82 euros o mes para empadroados).
A oferta de conciliación en Sanxenxo conta ademais con outra vertente, a deportiva, coa que o Concello colabora cedendo as instalacións e asumindo a limpeza. Ata sete campus das distintas disciplinas deportivas como balonmán, baloncesto e fútbol celebraranse este verán no municipio, nos campos de fútbol de Baltar de Arriba, O Revel e Noalla, así como nos pavillóns de Vilalonga, Baltar e Nantes. Finalmente, o I Campus Musical Vila de Sanxenxo organizado pola Banda de Música Municipal, en colaboración coa Concellería de Educación, non se celebrará este ano ao non reunir o mínimo de usuarios por quincena.
O goberno é consciente da necesidade da conciliación, especialmente durante a época estival, cando son moitas as familias que traballan e non contan con vacacións. Por este motivo, impulsa un plan municipal propio pensado para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, e colabora con outros para facilitar que exista unha oferta variada.