Concello de Sanxenxo - SANXENXO IZA A BANDEIRA DO SENDEIRO AZUL DOS CARBALLOS DE ALDARIZ E LIDERA O RANKING ESTATAL CON OITO RUTAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 24 de xuño de 2025.– As oito bandeiras dos sendeiros azuis de Sanxenxo xa ondean desde hoxe nas súas respectivas rutas, convertendo o municipio en líder estatal nestes distintivos. O alcalde, Telmo Martín, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañados dos concelleiros de Medio Ambiente, Yago Torres, e de Turismo, Juan Deza, izaron o distintivo na Senda dos Carballos de Aldariz, a primeira ruta interior en obter este galardón en Sanxenxo. A esta súmanse a Senda Fluvial do Río Pintillón, Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, Sendeiro Litoral Canelas-Punta Cabicastro, Sendeiro Litoral Montalvo-Major, Sendeiro Litoral Paxariñas-Montalvo, Sendeiro Litoral Sanxenxo-Portonovo e o Sendeiro Máxico da Lanzada.

“O noso municipio é moi coñecido pola costa, pero queremos poñer en valor a nosa paisaxe de interior con rutas de calidade e de gran beleza coma esta”, dixo Martín. Na mesma liña, sinalou que “seguiremos traballando para tentar conseguir unha ruta con este distintivo cada ano”.

Pola súa banda, a conselleira puxo como “exemplo de excelencia” a Sanxenxo por ser líder en bandeiras azuis en praias e en sendeiros azuis en España. Galicia é de novo a comunidade autónoma con maior número de Sendeiros Azuis, 54 en 28 municipios e cunha rede de 389 quilómetros galardoados.

En canto ás provincias, Pontevedra mantén o seu liderado con 32 galardóns en 13 municipios. Para 2025 recibíronse o maior número de candidaturas ao galardón Sendeiro Azul (157), das cales o 76 % (124) foron renovacións e o 24 % (33) foron novas candidaturas. Así mesmo, en 2025 galardoouse o maior número de Sendeiros Azuis (154), dos que o 80,5 % (124) foron renovacións e o 19,5 % (30) son novos sendeiros.

Cómpre lembrar que o programa Bandeira Sendeiro Azul premia e recoñece cada ano a recuperación e posta en valor de rutas, sendas e itinerarios peonís, tanto costeiros como interiores, co obxectivo de fomentar a conectividade ecolóxica e a restauración ambiental; contribuír coa análise de fontes cartográficas e de datos á planificación e xestión de zonas naturais; fortalecer a coordinación entre as administracións con competencias nestes espazos; integrar de forma transversal aspectos económicos, ambientais e sociais; e mellorar o coñecemento e a sensibilización ambiental.

Ademais, realízase unha revisión periódica de aspectos como as características das sendas e percorridos; o estado da información, sinalización e infraestruturas dispoñibles; a conservación e xestión do patrimonio natural e cultural; e o uso público e desfrute.

0
0
0
s2sdefault