O Concello volverá a colaborar co colectivo motero local cunha achega económica de 15.000 euros
Sanxenxo, 26 de xuño de 2025.- A Concentración Mototurística Rías Baixas volverá a converter a Sanxenxo no epicentro das dúas rodas os días 12, 13 e 14 de setembro. O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Voluntariado e Xuventude, Marcos Guisasola, xunto co presidente do Motoclub Amigos da Moto Sanxenxo, Sergio Prol, acompañados de varios membros da directiva, presentaron esta mañá no Real Club Náutico de Sanxenxo o cartel da cita motera. A imaxe desta edición, un atardecer na praia de Baltar, é do fotógrafo Emilio Rico da Asociación Ollares de Portonovo.
O Concello colaborará cunha achega de 15.000 euros, así como no reforzo de seguridade e organización da cita. Un ano máis, a explanada de Baltar converterase na central de operacións do evento no que se agarda concentrar a máis de 20.000 persoas. “É un evento plenamente consolidado en Sanxenxo, de calidade e que está chamado a seguir crecendo e seguir sendo un referente para os amantes das dúas rodas”, asegurou Telmo Martín. Na mesma liña, insistiu en que Sanxenxo debe traballar “para ter os 52 fins de semana do ano con actividades de distinto tipo”.
Por súa parte, Sergio Prol tivo palabras de agradecemento para o Concello porque “sen a súa implicación non sería posible este evento”, pero tamén á hostalería local e ao fotógrafo que cedeu a súa imaxe para o cartel desta edición. “Este evento beneficianos a todos porque atrae a moita xente ao municipio que come, cene e durme en Sanxenxo”, dixo.
A programación aínda se está pechando, pero Prol xa asegurou que “haberá novidades e un pequeno plus que creo que vai quedar un evento bonito”.