Sanxenxo, 31 de xullo de 2025.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou hoxe Sanxenxo coincidindo coa licitación da redacción do proxecto de ampliación e reforma do centro de saúde de Baltar, na que o executivo galego prevé investir preto de 5,2 millóns de euros.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, recibiu ao titular de Sanidade no seu despacho para un encontro de traballo no que tamén estiveron a concelleira de Planificación Territorial e Vivenda e deputada autonómica, María Deza; o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores; e o director de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Román Gómez. Ao ser a súa primeira visita ao municipio, asinou no Libro de Honra.
Gómez Caamaño detallou que, para a redacción do proxecto do centro de saúde, a Xunta destina 392.000 euros. As empresas teñen de prazo ata o 18 de setembro para presentar as súas ofertas. O conselleiro de Sanidade explicou que a previsión é poder dispoñer do proxecto redactado no primeiro semestre do próximo ano, como paso previo para poder licitar as obras. Gómez Caamaño indicou que esta reforma é unha actuación necesaria, dada a relevancia asistencial deste centro, que atende máis de 21.800 tarxetas sanitarias, e que é o punto de atención continuada de referencia de Sanxenxo e de Meaño. A isto hai que engadir o incremento exponencial de poboación durante o verán.
Gómez Caamaño explicou que se ampliará e mellorará o centro demoleando a parte máis antiga do edificio e construíndo unha nova infraestrutura cunha planta baixa, dúas plantas e un soto, o que suporá máis de 3.100 m² de superficie construída. Ademais, engadiranse outros 1.200 m² da parte máis nova do edificio, que será reformada e adaptada, acadando un total de 4.400 m².
Con toda esta actuación, o centro disporá de 10 consultas de medicina xeral, unha máis que na actualidade, permitindo incorporar un novo residente, así como nove consultas de enfermaría e unha sala polivalente.
O centro tamén contará con espazos para farmacia, nutricionista, cirurxía menor, técnicas e tratamentos, todos eles con salas de espera propias.
Na área de pediatría, o novo centro terá tres consultas de medicina e tres de enfermaría, ademais dunha sala de lactación.
O espazo de atención á muller disporá de consulta de matrona, que incluirá quenda de tarde grazas á incorporación dunha nova profesional, así como unha sala de educación para a saúde.
O goberno galego tamén reforzará os servizos de fisioterapia, cunha consulta específica e un ximnasio ampliado.
Na zona do PAC mellorarase o confort e, ademais, as consultas de medicina e enfermaría pasarán de unha a tres. Así mesmo, mellorarase a base do 061 con novas instalacións e aseos.
Todas estas melloras reflicten, concluíu o conselleiro, a aposta clara da Xunta pola mellora da atención primaria, achegando á cidadanía servizos públicos máis modernos e accesibles.
Está previsto que esta actuación de ampliación e reforma do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, sexa financiada con fondos europeos do programa Feder Galicia 2021-2027.
Concello cardioprotexido
Durante a reunión de traballo desta mañá abordouse un proxecto co obxectivo de acadar un Sanxenxo cardioprotexido. Trátase de dotar ao municipio dunha rede de desfibriladores que permita unha resposta áxil e eficiente ante unha parada cardiorrespiratoria, así como de voluntarios formados en reanimación cardiopulmonar.
O obxectivo último é que o Concello de Sanxenxo conte coa ratio de desfibriladores necesaria para situarse á vangarda europea.
O alcalde considera esta iniciativa interesante e ambas administracións afondarán para poder materializala nos vindeiros meses.