Concello de Sanxenxo - O CONCELLO MERCA UNHA PARCELA POR 300.000 EUROS PARA DESTINALA A UN PARKING PÚBLICO NO CENTRO DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A parcela quedará como aparcadoiro gratuíto para residentes, con aproximadamente 20 prazas, mentres non se inicie a obra

Sanxenxo, 1 de agosto de 2025.- O Concello de Sanxenxo asinou esta semana, a través da empresa pública Nauta Sanxenxo, a compra dunha parcela no centro de Portonovo por 300.000 euros, a escasos metros do campo de San Roque, para construír un parking público en rotación similar ao situado no porto deportivo de Sanxenxo.

O alcalde, Telmo Martín, acompañado de concelleiros do goberno, visitaron esta mañá o espazo que quedará como aparcadoiro gratuíto, só para residentes, con aproximadamente 20 prazas, mentres non se inicie a obra. “Atendemos a unha demanda veciñal nunha zona na que pola antigüidade das casas, moitas non teñen aparcamento”, explicou.

A partir da primeira hora desta tarde, todos os residentes en Portonovo, é dicir, empadroados no municipio e co vehículo domiciliado en Sanxenxo, poderán aparcar nesta parcela. Trátase dunha medida coa que se busca beneficiar aos veciños que residen todo o ano no municipio.

A parcela, de case 500 metros, albergará o edificio do primeiro parking público en altura de Portonovo no que están previstas 60 prazas en rotación distribuídas en tres plantas. “Temos previsto inicialmente que sexa en rotación, pero estamos abertos a falar cos veciños por se prefiren en concesión cando sexa o momento”, dixo o alcalde.

Xunto a este novo parking, este ano estarán dispoñibles no varadoiro as 83 prazas de aparcadoiro habilitadas durante o verán nos días da Festa de San Roque. O Concello decidiu trasladar as atraccións á Avenida Rafael Picó co obxectivo de reducir ao mínimo posible as prazas de estacionamento no centro da vila. Ademais, a zona azul gratuíta implantada en O Espiñeiro e en Rafael Picó permite unha rotación de vehículos cunha hora e media de estancia, entre as 9 e as 21 horas.

0
0
0
s2sdefault