Concello de Sanxenxo - O CONCELLO TRASLADARÁ A SEDE DE TURISMO DE SANXENXO AO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Os dous puntos informativos municipais manteranse no porto deportivo de Sanxenxo e en Portonovo

Sanxenxo, 22 de agosto de 2025.- Co obxectivo de continuar descentralizando as áreas de xestión municipal e potenciar o patrimonio cultural, o Concello trasladará ao Pazo de Quintáns, declarado BIC en 2021, a sede de Turismo de Sanxenxo. A decisión responde á importancia turística da parroquia de Noalla e enmárcase dentro da estratexia de promoción e difusión do espazo como Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas, que será outro dos motores turísticos xunto á contorna da capela e o xacemento da Lanzada.

Noalla súmase a outras parroquias, fóra do centro do municipio, como Vilalonga ou Adina onde xa existen as oficinas municipais de Medio Ambiente, Servizos Sociais e Maiores ou Deportes, Xuventude e Voluntariado. Ademais, o Concello manterá dous puntos de información turística no porto deportivo e en Portonovo.

Á vez que se realiza o traslado da sede de Turismo, o goberno abrirá, de novo, o Pazo, como xa fixo cando concluíu a primeira fase de rehabilitación, aos veciños para que sexan os primeiros en coñecer como quedaron as instalacións.

As obras da segunda fase prevese que conclúan na primeira quincena de setembro. Nestes momentos, a actuación céntrase no perfilado das zonas verdes, o adoquinado do novo estacionamento e nas instalacións interiores do novo edificio multifuncional, situado na zona leste do recinto, que permitirá acoller iniciativas educativas, culturais e sociais con capacidade para máis de 100 persoas sentadas e 222, de pé.

0
0
0
s2sdefault