Concello de Sanxenxo - SANXENXO ULTIMA A POSTA A PUNTO NOS COLEXIOS PARA O INICIO DO CURSO ESCOLAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Concello e Consellería de Educación realizan cada curso melloras nos centros educativos do municipio

Sanxenxo, 28 de agosto de 2025.- Sanxenxo ultima a posta a punto nos colexios do municipio ante o inminente inicio do curso escolar. A concelleira de Educación, Nati Parada, acompañada do edil de Mantemento e Servizos, Yago Torres, está a visitar os centros nos que Concello e Xunta están a realizar melloras que redundarán nunha maior comodidade e confortabilidade das instalacións para a comunidade educativa.

No CEIP Portonovo avánzase coas obras da instalación dun ascensor que garantirá a accesibilidade do edificio e que permitiu, ademais, gañar dúas aulas de gran tamaño para destinalas a polos creativos e multiusos. Ademais, tamén se construíu un novo baño adaptado e unha cuberta exterior que comunica a zona de infantil co edificio principal, estase habilitando un novo parque e zona de xogos con superficie de caucho. Tamén se realizaron traballos de pintado e actuacións no saneamento.

No CEIP A Florida reparáronse persianas, instalaranse lonas de sombra no parque infantil e substituíuse o porteiro automático do comedor que tamén será pintado. A partir deste luns, está previsto que comecen as obras de melloras de seguridade viaria que inclúen o ensanche e asfaltado do acceso desde a rúa Ricardo Santos, Poetas Galegos e estrada de Padriñán. O proxecto contempla a creación de prazas de aparcamento, a eliminación dunha cuneta a ceo aberto e a instalación dun sistema de recollida de augas pluviais. O Concello está a piques de concluír o novo acceso pola Rúa Miraflores.

No CEIP Magaláns procedeuse ao pintado dos edificios e do muro exterior. Por último, no CEIP de Nantes pintáronse os portais da entrada e todo o muro perimetral. Nos próximos días, allanarase unha parte do patio. Tamén se repararon as porterías.

No CEIP O Telleiro, levouse a cabo unha plantación de árbores ao longo do peche perimetral da zona de Infantil, reparouse a caseta de xardinaría, cambiouse unha xanela e fixéronse reparacións varias.

Na aula da Escola Unitaria de Aios realizouse o pintado exterior do edificio, cambiáronse dúas portas e unha fiestra.

Desde este luns comezou a limpeza xeral en todos os centros educativos para que estean a punto para o inicio do curso.

Nos últimos anos realizáronse importantes investimentos nas instalacións educativas como o novo colexio de O Cruceiro, a reforma integral do pavillón de Vilalonga ou o novo pavillón de Nantes. Recentemente, a Consellería de Educación anunciou un investimento para a reforma do colexio da Florida de 4,3 millóns en tres fases. A primeira dará comezo a finais de 2026 e inclúe a construción do novo pavillón e unha zona de estacionamento.

0
0
0
s2sdefault