Sanxenxo, 29 de agosto de 2025.- O Concello de Sanxenxo xa ten pechada a programación do primeiro trimestre da axenda do Pazo Emilia Pardo Bazán co que se dará contido ás fins de semana de setembro, outubro e novembro. Música, teatro, danza e humor serán os protagonistas das citas culturais. “Pensamos nunha programación que puidera atraer aos distintos tipos de público cunha proposta diferente e atractiva”, asegura Elena Torres, concelleira de Cultura e Eventos.
O espectáculo familiar ‘I love and rock and roll’, con máis de 100.000 espectadores e unha extensa xira nacional que o levou con continuos sold outs polos principais teatros de máis de 15 cidades, aterra no Auditorio Emilia Pardo Bazán o vindeiro 6 de setembro, ás 21 horas. Un espectáculo cheo de música e humor no que os máis pequenos da casa desfrutarán descubrindo a historia e as cancións máis representativas de AC/DC, Queen, Ramones, Metallica, The Beatles, Iron Maiden, Led Zeppelin. O Oso Rosendo é o anfitrión ideal para contar a toda a familia a historia e as máis divertidas anécdotas das bandas que nos fixeron amar o Rock and Roll e que marcaron a toda unha xeración.
A proposta escénica “Nove Espellos”, baseada na música do artista compostelán Sergio Cobos, onde a danza de raíz galega comparte espazo coa danza clásica, a contemporánea e a danza de contacto, chegará ao Auditorio o vindeiro 26 de setembro ás 20:30 horas. Nove Espellos é unha viaxe polo multiverso do eu-non-consciente, un espazo onde o todo e a nada son o mesmo, onde se recrean medos, desexos, fracasos, ausencias, acertos, alegrías e tristuras.
O mes de outubro estréase o día 11 co concerto de Luis Fercán, onde presentará o seu terceiro álbum “Postales Perdidas”. A actuación dará comezo ás 21 horas. Trátase do disco máis maduro do artista ata a data. Gravado en Garate Studios e coa produción de Nacho Mur, o artista achega de novo as súas vivencias máis persoais. Coa súa característica voz rachada, o autor presentará este disco en directo cunha sutileza e calidez propias dunha alma vella e como sempre, a corazón aberto.
O 18 de outubro, ás 21 horas, é a quenda de Abraham Cupeiro con “Resoando no Pasado”. Un concerto-monólogo no que o músico viaxa ao pasado máis remoto da nosa especie a través dos sons dos instrumentos de vento. Este proxecto xorde da inquedanza de Abraham por coñecer e recuperar instrumentos de todas as épocas e lugares. Resoando no Pasado viu a luz en 2006 e desde entón máis de 40.000 persoas puideron desfrutar deste concerto, onde Abraham toca máis de 100 instrumentos ao longo do espectáculo.
O Teatro Suavila subirá ao escenario do Pazo Emilia Pardo Bazán o vindeiro 25 de outubro, ás 21 horas con “O cazador de fortunas”. O 31 de outubro será a quenda de Teatro Noroeste que traerá a obra “Guerra”, unha traxedia aderezada de comedia e ironía para adultos de máis de 16 anos.
En novembro, o 15, ás 21 horas, Moura Teatro presenta “Pronóstico Reservado”. É unha comedia divertida e desenfadada cuxo único propósito é facer pasar ao espectador un intre distendido para adultos de máis de 16 anos.
O ciclo trimestral péchase co espectáculo de David Amor e Josito Porto, “Go Home”, ás 21 horas para maiores de 16 anos.
A venda de entradas será a través de www.ataquilla.com, incluída a de Nove Espellos que, aínda que é de balde, será necesario retirala para controlar o aforo.