Concello de Sanxenxo - O BUS URBANO CIRCULAR DE SANXENXO REALIZOU 17.294 VIAXES DURANTE O MES DE AGOSTO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cifra supón un crecemento do 20,50% respecto ao mesmo mes do ano pasado.

Sanxenxo, 5 de setembro de 2025.- O balance de cifras de agosto sobre o bus urbano de Sanxenxo volve reforzar a necesidade deste servizo durante os meses de verán. En total realizáronse 17.294 viaxes fronte aos 14.352 rexistrados no mesmo período do ano pasado, o que supón un crecemento do 20,50%. Os días con maior número de viaxeiros rexistráronse na primeira quincena de agosto, acadando ata os 821 billetes. O alcalde, Telmo Martín, redunda na idea de que, a pesar de ser o segundo ano en funcionamento, “este servizo xa é irreversible e imprescindible para un destino como Sanxenxo”.

O Concello realizou un investimento de 65.000 euros para os meses de xullo e agosto nas dúas liñas de reforzo que están integradas no sistema de tarifas único e bonificado activado pola Xunta. As dúas liñas circulares percorreron o municipio durante xullo e agosto nun tempo estimado de 50 minutos, de 8.00 horas a medianoite con ata 32 frecuencias por día, de luns a domingo. Unha transcorría dirección Vilalonga e a outra por A Lanzada, con saída e chegada á igrexa de Sanxenxo. A liña máis utilizada durante o pasado mes foi a de Vilalonga con 8.945 viaxes con picos diarios de ata 427, mentres que a da Lanzada rexistrou 8.349 con días de ata 402 viaxeiros.

En total, as liñas de bus incrementaron o seu uso unha media do 30% respecto ao ano pasado. Cómpre lembrar que en xullo se realizaron 16.741 viaxes, un 39% máis que en 2024, o que supón unha diferenza de 4.686 viaxeiros máis sobre os 12.055 de entón.

0
0
0
s2sdefault