Concello de Sanxenxo - O ESCRITOR REKA REFOJOS PRESENTA MAÑÁ A SÚA NOVELA “RULA” AMBIENTADA EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Estará acompañado por Elena Torres, ás 19 horas, no salón de plenos municipal.

Sanxenxo, 5 de setembro de 2025.- O escritor cangués Reka Refojos presenta mañá o seu libro Rula en Sanxenxo. A novela conta a historia vital de Maruja Tubío durante a posguerra na aldea da Barrosa. Será ás 19 horas no salón de plenos e estará acompañado pola concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres.

A novela aborda a supervivencia nun lugar perdido, e case abandonado, durante un tempo extremadamente difícil como foi a posguerra; a amizade e os valores que entraña unha amizade verdadeira; a dor inconsolable pola perda dos máis queridos; as crenzas ancestrais nas meigas e a importancia destas na vida das xentes; e, por último, a necesidade innegociable de vinganza.

O escritor explica que a novela xorde como un reto “que me propuxo alguén moi próximo, e que pasou a súa infancia no lugar onde transcorren os feitos, A Barrosa, na mesma época que se narra a historia”. Un libro que engancha desde o primeiro capítulo e que traza con mimo cada personaxe.

Este é o cuarto libro publicado despois de Crónicas de la Ría: los relatos del tío Daniel, con prólogo de Joaquín Rodríguez, guitarrista e compositor do grupo Los Nikis; Melide, a súa primeira novela, cuxa portada é obra do pintor Antón Pulido; Detritus, libro de relatos enviados, na súa maioría, a diferentes concursos e con moi diversos resultados. Colaborou cos seus contos na edición dixital do xornal La Verdad (México) durante os anos 2012 e 2013. Foi gañador do II Concurso de Relatos de La Ñigasa (Anna) no ano 2018 e finalista nos concursos, tamén de relatos, de Valencia Escribe (Valencia) en 2019, e de Lamucca (Madrid) nos anos 2023 e 2024.

0
0
0
s2sdefault